Vinteséis edicións divulgando a música e o baile tradicional galego avalan a celebración do Concurso de Música Tradicional Xacarandaina. Este domingo, a Asociación Cultural Xacarandaina organizará unha nova fornada deste certame do folclore galego en dúas sesións que terán lugar ás 10.30 e ás 16.30 horas no centro sociocultural Ágora.

Un total de "53 grupos divididos en tres modalidades, unha para pandereteiras e pandereteiros, unha para gaiteiros solistas e unha para cuartetos de gaita", concursarán nesta nova edición para clasificarse como os mellores artistas das súas respectivas categorías, como explicou a vogal do Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina, Cristina Rodríguez.

Se ata o de agora a categoría de pandeireta estivera dividida en tres subgrupos por idade dos músicos, nesta nova edición "foi necesario engadir un máis debido ao aumento do número de participantes". E é que "nos últimos anos, a música tradicional volve ter un impulso importante" que vai máis aló do festivo e "ten un reflexo cada vez maior na sociedade", afirma Rodríguez.

Sobre os motivos deste incremento, Rodríguez apunta: "Quizais dáse por un apoio máis grande por parte dos concellos, e pola presenza de grupos tradicionais nas festas? Todo iso a xente o ve e se anima". No certame poden competir, entre outras, asociacións folclóricas, culturais ou xuvenís cun límite de cinco minutos para presentar ante o xurado cada unha das pezas,

Ademais deste certame, a Asociación Cultural Xacarandaina organizará, o próximo 5 de xuño no Palacio da Ópera, o seu XXXVI Concurso de Baile para continuar, os días 18 e 19 de xuño, celebrando a Romaría do Lecer, unha actividade na que se "levará a cabo unha foliada infantil e unha para adultos". En decembro chegará o momento do Festival Solidario, realizado "fundamentalmente para os nenos e nenas".

As entradas para o certame deste domingo teñen un prezo de cinco euros para cada sesión. Quen merque un bono para as dúas actuacións deberá pagar ocho euros. Pola mañá, actuarán dous subgrupos de pandereteiros e os gaiteiros solistas e, pola tarde, será o turno dos cuartetos de gaita e os restantes subgrupos de pandereteiros.