O actor Xosé Antonio Touriñán dá vida a Santi, protagonista do Monólogo do imbécil, unha obra dirixida e escrita por José Prieto que chega este sábado ás 20.30 horas ao teatro Rosalía.

-Compaxina desde hai un tempo varios proxectos, que o animou a participar neste?

-Primero, o proceso de ensaios no teatro. Foi unha cuestión de esixencia persoal. A verdade é que foi duro estar un mes ante un texto eu só, que non me entraba e tiña que compaxinalo con varias cousas á vez. No teatro dá tempo a estar mes ou mes e medio ensaiando, e na tele non hai tempo de preparar algo así. E despois, tamén o feito de traballar coa compañía Emedous, das máis importantes de Galicia, e co director José Prieto, co que xa traballara antes.

-Esta obra xa fora protagonizada por Santi Prego. Inspirouse no seu papel ou preferiu tirar de recursos propios?

-Realmente non vin nada. José Prieto aconselloume que non o fixera. Non sei se chega a estar gravado o que fixo Prego. Seguramente terá moito que ver porque é o mesmo texto, pero non vin o seu traballo, así que directamente non me influiu.

-O protagonista, Santi, é o mesmo sempre ou evoluciona e adáptase a cada escenario?

-É un texto de teatro, pechado, e non hai marxe ao xogo de improvisación que fago habitualmente. A xente que veña vai ver a un Touriñán nun rexistro distinto ao que están acostumados.

-En que medida pode empatizar o público co protagonista?

-El considera que o ven coma un imbécil, non é que o sexa. E eu penso que todos nos podemos ver representados por este tipo, que é riquiño e cae ben.

-Forma un dúo con Marcos Pereiro desde hai máis dunha década. Se puidera seguir a mesma traxectoria doutra parella de humoristas, cal elixiría?

-Non temos referencias como dúo humorístico. A verdade é que o noso naceu coma unha maneira de divertirnos, e só intentamos pasalo ben sobre o escenario. Levamos unha tempada en tele un pouco máis descansados; con Buscando Ardebullo fixemos un formato que nada ten que ver co dúo cómico en sí. Gústannos moito David Walliams e Matt Lucas, de Little Britain. Pero traballar coma eles, por exemplo, no tema da caracterización das personaxes, ás veces por cuestións de tempo e diñeiro resulta moi complicado.

-A personaxe de João Simões, que interpreta en Land Rober, traspasou fronteiras chegando á televisión portuguesa.

-Estiven nun programa chamado 5 Para a Meia-Noite e a verdade é que me sorprendeu o amables e educados que son os portugueses, porque esperaba que me deran caña de verdade. Só me preguntaron acerca do punto de vista dos galegos sobre eles. Foi unha experiencia moi chula. Temos Portugal ao carón e moitas veces está lonxe en canto a contidos e información, pero o certo é que tamén existe unha predisposición por ambos lados de facer cousas xuntos.

-Para agradecer a súa hospitalidade agasallounos cun libro sobre os Gemeliers. Por que escolleu esta peza literaria?

-Ao final somos humoristas, e díxenlles que era o libro dos Tonechos, así que me valeu para todo: para vacilar a Roberto Vilar e para seguir coa coña que houbo en Land Rober polos rapaces que se enfadaron. Realmente aquilo foi un gag, unha gamberrada.