O punto de partida dunha das produccións escénicas con máis percorrido da compañía Ibuprofeno Teatro é a busca dun pai pola súa filla, un argumento común de non ser porque o proxenitor non é outro que o cineasta neoyorquino Woody Allen. A actriz Marián Bañobre, e o dramaturgo Santiago Cortegoso presentan esta noite ás 21.00 horas no teatro Colón a peza A filla de Woody Allen.

Totalmente allea á trascendencia pública do seu pai, do que coñece pouco máis que a súa ubicación xeográfica, a protagonista actúa coma contrapunto dun público que desde o comezo da función "tanto polo título, coma polos seus tics similares a esa persoa e personaxe que todos coñecen como Woody Allen", son cómplices da particular atmósfera presente na filmografía do cineasta, como explica Bañobre.

O proceso de mimetización da intérprete co seu ficticio proxenitor partiu de Santiago Cortegoso, quen un día lle confesou á actriz que vía nela "certo parecido con Woody Allen, tanto físicamente coma na forma de ser e a enerxía vital". Bañobre aceptou o reto de converterse na filla galega do cineasta botando man, tanto dos característicos trazos do director, coma da súas propias ferramentas interpretativas e persoais. A filla de Woody Allen, como apunta Bañobre, "é un espectáculo que transita por moitas claves, como fan as películas de Allen: desde a comedia máis atrevida das súas primeiras películas, a filmes máis intimistas de drama e melodrama". A función condensa o espírito do director e músico neoyorquino sen deixar atrás o estilo que define ás creacións de Ibuprofeno Teatro: "Nos empapamos moito das súas películas e libros, do seu universo. A obra pasa por momentos moi diferentes, e ten moitas cores, algo que atrae ao público", explica a protagonista da peza.

Para enlazar os temas máis recurrentes da obra de Allen, Cortegoso e Bañobre estableceron coma fío conductor unha serie de agasallos que o proxenitor lle envía "á protagonista cada ano polo seu aniversario" e que "son as pistas que ten para chegar a el". A busca de Allen é un pretexto para falar doutras cuestións coma "as viaxes de cada un na procura da súa felicidade", algo que fai que o público logre empatizar coa personaxe.

A función do Colón está incluida nunha tanda de representacións coas que a compañía pretende "ir despedindo o espectáculo para dar paso a propostas máis novidosas", tal e como explicou Bañobre, que non descarta "movelo fóra de Galicia". Algunha das pezas coas que Ibuprofeno Teatro continuará xirando son a recén estreada Raclette, ou O Furancho, "unha comedia que tamén fala da situación da cultura galega e que ten un trasfondo tráxico".

As entradas para asistir unha peculiar busca da que desfrutarán "tanto os seguidores coma as persoas que non coñezan a obra de Allen", oscilan entre os 5 e os 8 euros segundo a localización.