A impasibilidade dos cidadáns ante a situación de crise económica en España foi o punto de partida de Kauflanders, unha longametraxe dirixida pola cineasta e profesora da Escola de Imaxe e Son Olaia Sendón que será estreada mañá ás 22.00 horas nos Cantones Cines con entrada libre ata completar o aforo.

"A comezos do ano 2013, empecei a preguntarme que estaba pasando para que, coa crise que nos estaba vindo enriba, estiveramos con esa falta de reacción", explica Sendón. A primeira idea da directora era partir dunha problemática xeral e abordala dun xeito máis íntimo, realizando unha gravación "en formato de entrevista". O que a fixo mudar de formarto foi o feito de "contar con xente á que facía anos que non vía" e á que a autora concentrou en torno a una xeración "a cabalo entre dúas, entre o ano 1975 e o 1985".

Unha vez delimitados os rangos de idade dos participantes, Olaia Sendón reuniunos en torno a sobremesas, o momento "no que se falan as cousas importantes neste país", como afirma a directora. Ao longo de case tres anos, a autora convidou a amigos e coñecidos a cear á súa casa e a "falar das cousas que acontecen no mundo". Desas ceas xurdiron unha serie de conversacións gravadas en audio na que os protagonistas reflexionan sobre aspectos que van máis aló do meramente político. E é que o que comezara como unha "chamada á rebelión", derivou nunha radiografía de diferentes expoñentes dunha xeración: "Acabamos falando de que vai quedar de nós, de se nos sentimos desprotexidos ou non...", apunta a directora Olaia Sendón.

A aposta arriscada deste filme reside na participación de catro actrices, que "verbalizan nunha cea todas as cousas que se dixeron nas sobremesas", dando altavoz a tódalas ceas que se fixeron na casa da autora. O contrapunto ás profesionais da interpretación póñeno os algúns dos participantes reais das ceas, que interpretan papeis nos que Sendón trasladou "concepcións contemporáneas do mundo a textos de corte relixioso".

Kauflanders, que tivo presenza no pasado Festival de Málaga, é o cumio dun proxecto denominado Kauflan, resultado de tres anos de traballo nos que tamén se creou unha web ao estilo de eBay coas fotos dos amigos da autora nas que figuraban as súas "características ténicas" con opción a "mercalos". Ademais, os textos relixiosos interpretados polos amigos de Sendón deron lugar a unha curtametraxe que levou o premio Novos Valores.