O estalido da crise económica, coas súas conseguintes pegadas sociais, ten dado lugar a un amplo abano de reflexións procedentes de diversas manifestacións artísticas. O debuxante Miguelanxo Prado decidiu centrar o seu último traballo, Presas fáciles, nun contexto social marcado polos desafiuzamentos e a venda de preferentes da banca. O autor coruñés presentó a súa obra o pasado 23 ás 19.00 horas en Fnac.

A historia que resoou no maxín Miguelanxo Prado para poñer en marcha Presas fáciles xurdiu nun momento no que viña de publicar De profundis e Ardalén, dúas obras de corte "intimista e poético". O cambio de rexistro produciuse cando Prado escoitou na radio a "nova sobre un matrimonio de anciáns que viñan de suicidarse por unha conxunción de feitos que ían concluir cunha orde de desafiuzamento por un problema hipotecario".

Desde ese instante, o debuxante comezou a dar forma a un universo encadrado dentro do xénero policial e protagonizado por personaxes que simbolizaban cada unha das historias que el fora interiorizando a través da documentación e as experiencias de amigos e coñecidos: "Fixen unhas buscas iniciais para atopar algún dos datos máis visibles para construir a situación na que se move toda a narración pero despois, sen pretendelo, en conversas con amigos, xurdían dúas ou tres historias novas que se parecían entre si pero que tiñan algunha peculiaridade", explica.

Á vía pragmática e á puramente teórica uniuse a "estrictamente policial, relacionada coas cuestións de carácter técnico e procedimental", para a que Prado botou man da axuda de Luis García Mañá, quen "ademais de escritor e membro correspondente da Real Academia Galega, é comisario superior de policía".

O resultado da documentación e reflexión de Prado é unha obra que non só plantexa a casuística das preferentes e os desafiuzamentos, senón que tamén fai fincapé no feito de que as vítimas "teñan sido maioritariamente xente de idade avanzada e o que iso supón de desvalimento por parte da sociedade". Como novidade, as historias están ubicadas na Coruña, e desprovistas da cor que adoita caracterizar as composicións gráficas do debuxante. Coa ambientación, Prado decidiu outorgar protagonismo á súa cidade natal nunha historia longa e, en canto á tonalidade, o autor tivo claro que quería facer unha renuncia a todo tipo de artificio gráfico: "Non podía deixar que a persoa que estivese lendo saíra da historia para pasar a centrarse na composición ou as cores da viñeta", apunta.