A poeta ribadense Luz Pozo Garza atópase inmersa nunha dobre celebración. A autora está a piques de cumplir 94 anos de vida ligados ao disfrute da literatura e á súa prolífica creación no mesmo mes no que presenta a súa última obra, Rosa tántrica, publicada por Alvarellos Editora. A escritora presentará o seu novo libro, composto por sesenta e tres poemas que reúnen dez anos de traballo, nun acto que terá lugar ás 20.00 horas en Portas Ártabras (Sinagoga, 22).

-O seu novo libro Rosa tántrica mistura as referencias a Borges e os símbolos budistas. Que a levou a contar con estes dous referentes?

-Hai anos entrei na afección orientalista coas lecturas de C.G. Jung. Tamén, através do poeta Eduardo Moreiras. Por outra banda, lin apaixonadamente a Borges e captei o seu interese pola cultura oriental. Destas concomitancias xorden estes resultados.

-Cando entrou en contacto coa obra de Borges?

-Entrei en contacto con Borges con aquelas publicacións independentes de El Libro de Bolsillo de Alianza Editorial durante os anos 70. Completei unha colección de atractivas narracións como El Aleph, El jardín de senderos que se bifurcan, Pierre Menard, autor del Quijote; Ficciones, Historia universal de la infamia, etc. Impresionáronme pola perfección de estilo e a profundidade na indagación temática. Tamén conseguín nunha editorial arxentina un libro clave sobre Arquetipos...

-De que maneira se desenvolveu o proceso de produción de Rosa tántrica?

-A Rosa tántrica chegou de forma intermitente, ao longo dos anos nos que simultaneei a súa escritura coa redacción e publicación doutra serie de obras que me impedían continuar co proceso da Rosa. Foi agora cando reducín o volume da obra inicial e lle dei fin grazas aos consellos editoriais -de Olivia e Alvarellos- ata chegar a esta preciosa edición nestes días de Xullo de 2016.

-Manuel María, autor homenaxeado no último Día das Letras Galegas, sempre foi defensor da súa poesía. Foi el o que a impulsou a seguir adiante no ámbito da literatura galega?

-Manuel María animoume a escribir en galego despois da publicación de Ánfora (1949) e El Vagabundo (1952). El e mais Ánxel Xohán abríronme as portas da revista Xistral, en Lugo. Esta publicación, da que se fixo hai dous anos unha edición facsimilar, inaugurouse cun libro meu.

-Ademais de con Manuel María, vostede tivo contacto cun gran número de escritores. Cal deles considera que foi o que deixou máis pouso en vostede e por que?

-Outras revistas de poesía, e mesmo o semanario La Noche, de Santiago, acolleron as miñas primeiras creacións en verso ou prosa. Admirei estes compañeiros de viaxe con talento e experiencia. En primeiro lugar, a Aquilino Iglesia Alvariño, aínda que non cheguei a coñecelo en persoa. Sempre dixen que o meu primeiro poemario en galego, O Paxaro na boca (1952), ten certa influencia de Aquilino. Con grande entusiasmo lía eu o seu libro Cómaros verdes, publicado en 1947. El tamén saudou con entusiasmo a saída de O Paxaro en Xistral.

-En que medida mudou a súa creación poética ao cambiar do castelán ao galego?

-A miña incipiente poesía mudou co cambio de idioma. Non era eu galego falante e isto notábase. O meu galego viña da lectura de libros, ás veces portugueses. Valoraba moito o maxisterio de Ramón Otero Pedrayo e lía sobre as Cantigas estudos do profesor Xosé Filgueira Valverde na Historia General de las Literaturas Hispánicas. Na casa liamos a Rosalía, Pondal e Curros. Así que, a miña cosmovisión cambiou radicalmente ata acadar cos anos, e o amor a Galicia, a estabilidade na que hoxe me movo.

-Viviu de preto moitas das fases polas que atravesou a literatura galega. En que punto pensa que se atopa agora a literatura feita en Galicia?

-A literatura galega está pasando hoxe por unha fase admirable. Xúntanse neste intre diversas xeracións de autores, moi ricas en aportacións de orixinais formas e contidos en todos os xéneros literarios. Chegan a min con claridade as súas voces e procuro seguir a súa pista coa ledicia de velos medrar e recibir o merecido recoñecemento: ultimamente Manuel Rivas e María do Cebreiro, gañadores dos Premios da Crítica.

-Se tivese que escoller unha das súas obras para describir a súa vida, con cal se quedaría?

-Entre os xa numerosos libros que fun dando ao prelo, coido que me atopo máis intimamente representada en dous deles: As Arpas de Iwerddon e Sol de Medianoche, ambos inspirados no meu mundo familiar.

-Na Luz Pozo Garza actual, que queda e que desapareceu da nena que comezaba a descubrir a literatura lendo libros de seu pai sen que el se decatase?

-Esa nena que fun non desapareceu de todo, pois permaneceu na miña poesía. Xorde, unha vez máis, no poema Mater mundi de Rosa Tántrica: "Tremou súpeto a luz do espello / e vinme moi meniña / no colo da nai na cidade que amo".