O autor monfortino Antón Lopo é o director de Chan da Pólvora, unha editorial especializada en poesía que será presentada mañá na librería Berbiriana (rúa Santiago, 7) ás 13.00 horas xunto cos dous primeiros títulos publicados: A Oseira e Querido Eduardo. No acto intervirán tamén o autor do primeiro libro, Antón Blanco, e a poeta coruñesa Paula Antía.

-Cando decidiu poñer en marcha Chan da Pólvora?

-Hai aproximadamente un ano. Comezamos a pensar en montar unha editorial e logo a cuestión foise facendo máis complexa e decidimos montar un selo de programación de poesía, unha librería e unha especie de revista que aínda estamos concebindo.

-De que forma se financiou o proxecto da editorial?

-A editorial finánciase por subscritores que adiantan unha partida económica para un ano de produción e que a nós nos permite ter un respaldo grande en canto a produción e a lectores. De entrada, claquera título que se publique contará con cen receptores coma mínimo.

-Por que elixiron a poesía coma especialidade da editorial?

-Consideramos que podía haber unha forma de recuperar unha especie de ADN cultural do país e intentar poñelo a producir. A poesía é a base da indentidade literaria do país e pensamos que se podería construir nun proxecto transversal que cruzase ese xénero desde tódolos ámbitos, como o creativo, o divulgador ou o econonómico.

-Mañá presentarán os dous primeiros libros da editorial.

-A Oseira amosa cal é a nosa aposta. É o primeiro libro dun poeta que acaba de cumplir vinte anos, co que iso supón de risco e de gozo, porque é unha obra magnífica que abre unha nova vía creativa na poesía. Querido Eduardo recupera unhas cartas que Ramón Suárez Picallo lle escribiu a Blanco Amor entre 1931 e 1946; nos permiten enfrontarnos a feitos esenciais da historia do país e nos achegan a elementos pouco tanxibles como a dor do exilio e os primeiros síntomas de modernidade dunha sociedade que abrollaba no exterior ante os límites da ditadura.

-Podería adiantar cales serán as próximas publicacións?

-Estamos traballando en varias liñas. Dispoñemos dunha alianza para a coedición coa editorial Papeles Mínimos dunha antoloxía de poetas novos.

-Seguirán na liña de apoio aos novos creadores.

-Tentamos que a editorial configure un futuro tanxible e un pasado irrenunciable, reexpoñendo traballos que están a facer autores de máis idade.