O monumento a Emilia Pardo Bazán cumprirá o próximo mes de outubro un século de vida como un dos puntos de referencia máis recoñecidos dentro dos Xardíns de Méndez Núñez. Este aniversario resoou no maxín dos responsables da Casa-Museo adicada á escritora (Tabernas, 11) para poñer en marcha unha iniciativa coa que pretenden reunir, ata o próximo 19 de agosto, alomenos 300 fotografías de persoas posando a carón da escultura nos últimos cen anos co fin de realizar unha exposición con elas.

A directora da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Xulia Santiso, explica que todo comezou cunha revelación sobre a que decidiu indagar no marco do aniversario do monumento: "Desde sempre, o sitio de paseo son os Xardíns de Méndez Núñez. Nalgún momento me dixeran que eran as mulleres as que se fotografaban alí. Comecei por ahí, e é unha hipótese que hai que dilucidar. Hai bastantes instantáneas ata agora, e hai rapazas, pero tamén hai familias, ou emigrantes que, antes de marchar, decidiron ser inmortalizados xunto a Pardo Bazán", explica.

O obxectivo deste proxecto de exposición é amosar un percorrido a través dun século usando o monumento como pano de fondo e "facendo un estudo sobre a súa pervivencia na cidade". Ata o de agora, o museo reuniu arredor de setenta fotografías de diferentes épocas, desde a primeira metade do século vinte ata imaxes máis actuais en formato selfie.

A mostra, ademais de fotografías, incluirá obxectos presentes nas mesmas, de maneira a evolución histórica que pretende reflectir vaia máis aló das dúas dimensións: "Temos unha cámara de fotos alemana portátil, unha mantilla, ou medallas concedidas polo colexio Compañía de María... Elementos que nos van falar dunha historia da que os nosos familiares saben algo ou teñen algo de dicir; vai ser moi emocionante", apunta Xulia Santiso.

O elemento máis distintivo da escultura de Pardo Bazán con respecto a outras presentes na cidade, como indica Santiso, é o feito de que sexa "un monumento realizado en vida da homenaxeada", algo que non adoita ser habitual: "Tan raro é que ela non acudiu á súa inauguración porque non está nos protocolos, senon que enviou aos fillos. Cando ela soubo que llo ían facer, tomou as riendas, escolleu ao escultor e, seguramente, tamén a situación", afirma.

Desde a súa creación no ano 2003, a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán busca, a través das súa actividade, dinamizar e "incorporar á sociedade actual" a figura da escritora que acuñou o nome Marineda para bautizar á súa cidade natal, incorporándoa á literatura universal: "Non debemos permitir que Pardo Bazán quede coma unha autora únicamente estudada polos especialistas, senon que temos que dinamizar a súa figura ata chegar aos niveles máis amplos da sociedade", explica Xulia Santiso.

Ademais das iniciativas de carácter expositivo, o museo segue levando a cabo o seu "diálogo coa sociedade" a través da organización de actividades coma as tertulias Os Xoves da rúa Tabernas, celebradas, excepto en xullo e agosto, "o primeiro xoves do mes desde hai case dez anos con moita aceptación, ata o punto de chegar a encher o salón de actos da Real Academia Galega moitas veces".

As persoas que desexen colaborar na exposición polo centenario do monumento a Pardo Bazán poderán entregar as súas instantáneas, acompañadas ou non por algún obxecto que figure nelas, no propio recinto da Casa-Museo, onde as dixitalizarán e as devolverán aos seus donos, ou ben a través do enderezo casamuseoepb@academia.gal.casamuseoepb@academia.gal Nas imaxes deberá figurar o nome do prestador, o ano no que foron tomadas e unha breve explicación do que se pode ver nelas.