A concepción do galego como lingua internacional é o punto de partida do recentemente estreado documental Porta para o exterior, dirixido por José Ramom Pichel e Sabela Fernández. O filme constitúe unha sorte de conglomerado audiovisual no que un conxunto de setenta persoas expresa a súa opinión acerca da lingua e o seu futuro desde unha perspectiva que traspasa fronteiras.

O proxecto, publicado pola editora rianxeira Axóuxere, púxose en marcha polo que os directores entendían coma unha necesidade de poñer sobre foco unha visión do galego que adoita ocupar un discreto segundo plano: "A idea xurdiu porque vimos que se descoñecía a estratexia internacional da lingua, coñecida como reintegracionismo, e o que se coñecía era mal interpretado, xa que había demasiados intermediarios falando do asunto pero non a xente que vive o galego diariamente como unha lingua internacional", explica Pichel.

Pichel e Fernández puxeron en marcha un traballo configurado arredor de testemuñas que concluiron en dous anos e medio. A pesares de que o seu acceso aos participantes non foi doado pola retincencia dalgúns deles a expoñer as súas opinións ante unha cámara, Pichel amosase satisfeito de poder dar voz a través do filme a sectores da sociedade aos que se adoita desvincular da percepción internacional do galego: "Hai persoas ás que lles dá bastante vergoña e tivemos algunhas dificultades para dar coa xente, porque gravamos en toda Galicia e tamén en Portugal, pero o máis interesante é que gravamos a persoas que tradicionalmente non se vinculan co reintegracionismo, e tivemos que coller in fraganti a moitas delas".

A presentación do documental, que xa se realizou en A Coruña, Lisboa, Santiago de Compostela e no País Vasco, tivo unha recepción que sorprendeu positivamente aos directores: "Foi mellor do que agardabamos. A xente que o viu nos está enviando correos e eu creo que está quitando bastante preconceptos sobre este movemento da cultura galega, que non se amosa públicamente aínda que está moi vivo", afirma Pichel.

A falta de información que impulsou aos artífices do documental a sacalo adiante procedía de dúas vías: "O reintegracionismo busca máis o que une que o que separa con respecto ao que se fala en Portugal ou Brasil e foi unha opción perdedora cando o galego se incorporou á educación. Aos que saben do tema, este documental abriulles a mente no sentido de que este movemento non está xa en debate coa visión autonomista do idioma. Algunha xente tamén pensaba que os reintegracionistas queriamos falar portugués, e non é así, os galegos temos unha lingua con moita potencialidade e hai que aproveitalo, niso consiste", apunta Pichel.

O documental Porta para o exterior está dispoñible en formato DVD con subtitulos en inglés, castelán, asturleonés, euskera e catalán, linguas que se manterán cando sexa distribuido en Youtube. Nesta plataforma dixital tamén será posible velo con subtítulos en aragonés.