O humorista e actor Oswaldo Digón subirase este domingo 11 de setembro ás táboas do teatro Colón ás 20.30 horas da man de monólogos con denominación de orixe galega, os do espectáculo Noites de Retranca, organizado por Rababiero Promocións e que cumple sete edicións sobre os escenarios. Na función participarán tamén os actores Luis Iglesia e Marcos Pereiro.

-Pode avanzar algo do que verá o público nesta función de Noites de Retranca?

-Noites de Retranca é un espectáculo de humor de actores e cómicos galegos que coa idiosincrasia galega facemos pequenos contos en galego e falando de Galicia. Falamos de todo o que a nosa retranca, que é infinita, nos permite. Son textos individuais, en escena coincidimos ao comezo e ao final do espectáculo, pero son monólogos de comedia de cada un de nós en distintos tempos.

-Cre que este espectáculo podería conectar cun público que non fora o galego?

-Sería complicado chamándolle retranca, pero o humor en xeral é esa capacidade que ten o público de saber do que estás falando sen dicir o que estás pensando, tanto en Galicia coma en Cataluña ou Madrid. Pero nós temos esa capacidade retranqueira de cousas que non se poden traducir, como dicir "é ou non é?", que traducido non quedaría tan ben. Si podería encaixar, pero habería que cambiar cousas.

-Vostede ten un lema que é: "Son cómico porque me tomo esta vida en serio".

-Penso que a mellor forma que temos de tomarnos a vida é cunha actitude positiva, e a comicidade axuda a quitar un peso co que cargamos sen ter por que. Esa seriedade que implica vivir con positividade, co feito de poder axudar e ter xente ao redor, implica ter unha actitude positiva e o humor é o rei para iso.

-No seu currículum figuran traballos de guionista, humorista, actor, cantante... Algunha faceta que lle quede por probar?

-Gustaríame ser xornalista, dígocho así, directamente. É unha das miñas vocacións frustradas. Empecei Psicoloxía e logo comecei a traballar como educador social e non puiden levar a cabo a faceta de xornalista. Desenvolver a capacidade de redactar nesa carreira universitaria si que me gustaría chegar a facelo algún día. Pero para iso está a UNED, así que nunca se sabe (ri).

-Durante un tempo traballou con actores invidentes na compañía de teatro Valacar. Que lle aportou esa experiencia?

-Esa faceta me deu pé a descubrir o teatro, amalo e velo. Que nunha compañía con actores invidentes un poida chegar a ver como é o mundo do teatro, me parece unha experiencia maravillosa. Como se trata de sentimentos, eles estaban máis que preparados para ese mundo e a min picoume o gusanillo a partir de aí.

-Deixou a carreira de Psicoloxía, pero esa disciplina segue a estar presente nas súas historias.

-Todo está implícito cando te dedicas a contar historias co humor, co que tes que traballar a faceta do presente, do que está pasando, de ver as cousas dunha forma distinta ou mesmo cousas que non teñen nome e ti lle vas dando unha descrición que pode chegar a el. Para iso hai que ter unha sensibilidade, máis que psicoloxía, para dicilo e para recollelo como espectador. Neste país outra cousa non teremos, pero sentido do humor, temos moitísimo.

-A xente ten máis sentido do humor agora que antes?

-É un mecanismo de defensa, evidentemente. Sempre tivemos humor; somos o país de Quevedo, de Cervantes? De grandes humoristas e contadores de historias. O mellor é tomar as cousas con humor sempre sen ofender. Sempre se adoita falar sobre os límites do humor, e eu penso que están no respecto e na verdade.