O centro sociocultural Ágora quenta motores para a apertura da súa nova tempada escénica, á que dará a benvida cun programa de actividades pensado para os máis pequenos. O recinto municipal inaugurará mañá o seu ciclo Bebescena, dirixido a nenos de ata tres anos, coa obra Zapatos da compañía coruñesa Caramuxo Teatro. O telón abrirase en dúas funcións que se celebrarán ás 11.30 e ás 13.00 horas.

A obra Zapatos, dirixida por Juan Rodríguez, naceu no 2008 como a segunda peza que a compañía Caramuxo Teatro creaba para bebés. A mestura sobre as táboas de diferentes modalidades escénicas como a danza, a interacción cos obxectos e a narración oral da súa protagonista, Laura Sarasola, é un dos trazos máis característicos dunha obra que está incluida na Rede Nacional de Teatros como espectáculo recomendado.

A compañía Caramuxo Teatro fusionou o teatro coa didáctica infantil e familiar desde os seus primeiros pasos no ano 2003. Os seus creadores, Laura Sarasola e Juan Rodríguez, complementaron a súa formación e traballos nas artes escénicas con estudos enfocados ao ámbito educativo. "Juan é Técnico en Educación Infantil e eu son Mestra de Primaria, e o traballo no ámbito educativo axuda porque que vas collendo recortes e aprendes un pouco que situacións poden contribuir a manter a atención dos nenos durante media hora", explica Laura Sarasola.

Precisamente, un dos maiores retos aos que se enfronta a agrupación é ó de captar a atención dos pequenos durante as súas representacións, unha labor que canalizan a través da selección dos temas dos espectáculos, como explica Sarasola: "Nós buscamos sempre temas que pensamos que poden achegarse á súa realidade. No caso de Zapatos, pensamos que é un ámbito no que os nenos participan activamente, xa que adoitan xogar co calzado dos adultos".

Na obra, a compañía procura conectar cos bebés mediante a narración de diferentes historias vinculadas á vida de cada tipo de zapatos. A conexión entre cada un dos relatos xera un un ritmo cambiante que fai que os nenos "entren no espectáculo e o disfruten". Un dos protocolos sobre o que se sitúan as obras que Caramuxo Teatro crea para bebés é unha cercanía que en Zapatos se fai factible ao final da función, cando os artistas comparten a escenografía co público.

Nos seus trece anos de traxectoria sobre os escenarios, os compoñentes de Caramuxo Teatro, aos que se sumou o técnico Suso Jalda, adquiriron unha serie de destrezas que lles permiten incrementar a súa efectividade á hora de chegar aos meniños cos seus espetáculos. "Os de bebés adoitamos facelos de media hora máis ou menos, e vemos que funciona máis unha linguaxe física, estética e musical e falarlles directamente, compartindo todo o que facemos tanto con eles coma cos pais", afirma a actriz.

Esta década combinando o seu traballo nas aulas e nos escenarios, permitiulles construir unha postura analítica acerca da posición na que se atopan as artes dentro da educación. Sarasola apunta que este vínculo entre os dous ámbitos "evolucionou positivamente", aínda que bota en falta un maior aproveitamento: "Cremos que os distintos tipos de arte xorden para que o neno se emocione e poida aprender dunha maneira moito máis constructiva e botamos de menos a preseza da arte no ámbito educativo, porque sabemos o éxito que podería ter", apunta.

Á obra Zapatos seguiranlle outras seis pezas nas que participarán compañías teatrais procedentes de diferentes comunidades, como a madrileña Sueños de Humo, que representará O Comenoites o 16 de outubro; a granadina Datedanza, que subirá ás táboas o seu espectáculo Río de la Luna o 30 de outubro, ou a santanderina Quasar, que será a encargada de clausurar o ciclo o 11 de decembro coa peza De Agua y Barro. Tódalas obras sairán a escena no centro sociocultural Ágora en dúas sesións ás 11.30 e ás 13.00 horas en distintos domingos ata o mes de decembro.

O prezo das funcións programadas dentro do ciclo Bebescena será de 2 euros para os menores de tres anos e existirá un abono familiar que incluirá tres entradas por 15 euros para cada representación. De quedar dispoñibles entradas o mesmo día da función, poderán ser adquiridas no centro sociocultural Ágora desde unha hora antes de cada representación.