Tras case unha década de silencio discográfico, a cantante e chelista monfortina Rosa Cedrón regresa con Nada que perder, un álbum que recolle o testigo de Entre dous mares, o seu debut en solitario tralo seu traballo como vocalista en Luar na Lubre. Cedrón presentará a súa nova produción esta tarde ás 21.00 horas no centro sociocultural Ágora.

-Dez anos entre dous discos dan para moito. Como evolucionou neste tempo?

-Son moitos anos, pero si é verdade que non estiven parada, fixen colaboracións con outros artistas, outros proxectos, e non parei de levar Entre dous mares polo mundo adiante. Pasaron moitas outras cousas polo medio; fun nai, e os primeiros anos da pequena quixen vivilos máis intensamente, e xa chegaba o momento de plantexarme este novo traballo. Era un proxecto moi personal que tiña moitas ganas de facer desde o principio, pero era difícil de abordar, así que ata que atopei todos os factores que me levaron a este punto non o levei a cabo.

-Nótase que nestes anos se sumerxiu noutras culturas ata o punto de incluir neste disco cancions en catro idiomas.

-Eu sempre digo que hai cinco. Está o castelán, o galego, o francés o inglés e a linguaxe musical, que é universal. Nestes vinte anos de carreira desde os inicios con Luar na Lubre viaxei polo mundo enteiro levando a música galega e en galego. O oitenta por centro da miña carreira está adicada a levar a miña lingua polo mundo, pero tiña a inquietude de abordar un traballo máis universal, de facer unha particular homenaxe a todas esas xentes doutros países e culturas que entenderon as miñas mensaxes cantando en lingua galega.

-Mudou a forma na que se recibe a música galega fóra?

-Hai un montón de países nos que a música é percibida sen ningún tipo de prexuízos e, independentemente de que cantes en galego ou en inglés chégalles a mesaxe. Sempre sentín moito aprecio e seguro que moitos artistas compartirán esta sensación de aceptación total e de valoración e admiración.

-Afiánzase en Nada que perder a declaración de intencións que era Entre dous mares?

-Si, sigo nesa vía de entender a música como música, sen etiquetas; unha música máis versátil e diferente ao que está a sonar actualmente, moi íntima. Entre dous mares era un disco máis intimista e ensoñador e Nada que perder é un álbum que ten moito para fóra a nivel emocional, aínda que se tratan temas emocionalmente profundos, xogo máis coas luces e as sombras.

-O seu violonchelo adquire neste disco un papel protagonista incluso na portada, parece convertirse nun apéndice.

-Esta é outra declaración de intencións. Estaba moi afastada do meu instrumento e esta é unha especie de reconciliación, de volver metelo na miña vida con un pouquiño máis de presenza non só a nivel melódico senon tamén para facer atmósferas ou cuartetos, buscando unhas sonoridades un pouco máis persoais.

-O seu nome sonou entre os posibles candidatos para representar a España en Eurovisión. Continúa animada a ir?

-Realmente o que pasa nestes casos é que creo que cada vez máis se alonxa do que é a música. Eu xa estou cansa de edicións de Eurovisión nas que temas boísimos reciben moi poucos votos, así que te quedas pensando de que vai a historia, parece que non presta tanto ter que amoldarse á música apropiada para iso. Preséntanse ás veces cancións moi chulas e diferentes e non ves que se valoren.

-Realizará a posta de largo oficial do novo disco en A Coruña. Como será este concerto?

-Será único pola emoción. Nos últimos concertos que din a base das actuacións era Nada que perder pero non eran concertos íntegros. Confluirán moitas emocións que ao mellor dentro de cinco ou seis concertos máis xa non estarán, por estar máis asumidas.

-Cara onde a levará esta xira trala estrea coruñesa?

-Estamos traballando niso, todo vai dacordo a como se vai movendo o disco. Son momentos complicados, pero a verdade é que non me podo queixar da aceptación que está a ter este traballo. A idea é levalo por toda a península e tamén alén dos mares.