O actor coruñés Martiño Rivas forma parte do elenco da obra La Respiración, unha comedia escrita e dirixida por Alfredo Sanzol que aborda as alegrías e penas dunha muller separada no camiño por refacer a súa vida. A peza, na que tamén participan as actrices Verónica Forqué, Nuria Mencía e Camila Viyuela e os actores Pau Durá e Pietro Olivera, presentarase no teatro Rosalía hoxe e mañá ás 20.30 horas.

-Como foi o proceso de preparación desta obra?

-O proceso de escritura e desenvolvemento do texto foi moi inusual. Fixemos dous workshops de tres días cada un nos que nos pasabamos moitas horas falando e facendo improvisacións dirixidas por Alfredo. Cando nos apuntamos a esta función non había texto, é a primeria vez que me apuntei a algo a cegas, pero vira montaxes previos de Sanzol e era unha garantía de que valería a pena participar. É curioso como partindo dun mesmo se poda chegar a facer algo tan alonxado de un; Mikel é a personaxe máis alonxada do que son eu como persoa do que fixen ata o de agora.

-Esta función partiu dunha experiencia personal do seu director. Resultou fácil amoldarse ao que el tiña en mente?

-Foi moi fácil porque, dalgún xeito, formamos parte dese proceso. Nós faciamos as improvisacións e logo Alfredo ía a casa e reescribía, polo que o material do que acontecía de foma espontánea nesa sala foi o que permitiu xerminar o texto. Non tes esa sensación de ser un corpo invasivo que ten que amoldarse a algo preexistente.

-Alfredo Sanzol afirmou que esta obra fora unha terapia para el e que esperaba que o fose tamén para o público. O é tamén para os actores?

-Desde logo, faite pensar moito, reconciliarte con pasos que vas dando sexa cara adiante ou atrás. Os actores non abandonamos o espazo nunca aínda que non participemos de forma directa, estamos como testigos da acción que se está a desenvolver. Isto fai que, en función do momento que esteas atravesando na túa vida persoal, te chegan más certas partes do diálogo e tes a sensación de redescubrilas.

-Os tres protagonistas masculinos da obra se adican ao ámbito da saúde e as femininas ao legal. Marca isto o desenvolvemento da peza?

-Considero que iso foi máis ben relevante para nós á hora de distribuir os diferentes roles. O que si é importante é que estes tres homes pasen a ocupar a vida de Nagore e a ter certa autoridade sobre esta personaxe en canto a como se debe relacionar co seu corpo, iso si supón un punto de inflexión na trama desta obra.

-Na función hai música en directo e vostede toca o saxofón.

-Si, e foi algo que me veu ben, porque cando vivía en Vimianzo os meus pais se empeñaron en que miña irmá e eu nos apuntásemos ao Conservatorio de Carballo, porque o meu avó tocaba o saxofón; e foi algo ao que nunca lle sacara partido, a verdade. Púxenme moi contento sobre todo pola satisfacción que lle puiden dar aos meus pais despois de tantos anos conducindo de Vimianzo a Carballo.

-A nai de Nagore, a rapaza que protagoniza a obra, dille á súa filla que a ficción é o mellor entrenamento para a realidade. Está de acordo con isto?

-Si, e ademais é un mecanismo ao cal todos recorremos, aínda que sexa de maneira involuntaria, cada vez que temos que tomar unha decisión e reproducimos de forma virtual na nosa cabeza a acción en sí e os posibles desenlaces e actuamos en consecuencia a eses hipotéticos escenarios futuros.

-Hai uns días se anunciou que vostede estará na serie Las chicas del cable, xunto con dous antigos coñecidos, Yon González e Blanca Suárez. Como afronta este novo proxecto?

-Moi ben, estamos ensaiando e estou moi contento, é unha personaxe que supón un novo reto para min e estou moi feliz por ter a oportunidade de reencontrarme con Blanca e con Yon, xa que traballamos moi a gusto.

-Esta serie se estreará só en Netflix e se poderá ver en todo o mundo. Que lle parece este tipo de distribución dixital dos productos audiovisuais?

-Chegou para quedarse e eu penso que por aí van ir as novas modalidades de exhibición. Non é que sexa o futuro, é unha realidade xa.