Tras publicar Intensa e quente é a túa humidade azul, a primeira novela pornográfica en galego, as verbas do profesor da Universidade da Coruña Xulio Pardo de Neyra regresan ás librerías coa obra Literatura galega e pornografía, unha achega á presenza da sexualidade na escrita do país que parte da diferenciación entre os conceptos de erotismo e pornografía.

-Que foi o que o levou a centrar o seu último libro na análise da pornografía dentro da literatura galega?

-Este é un tema tabú e desagradable para a sociedade e, cando é un tema pernicioso, a min atráeme máis. Ademais, como eu son un pornógrafo considerei a necesidade de ver o que había na literatura galega de carácter pornográfico. É unha labor de investigación centrado na historia da literatura galega e tamén en asentar aquilo que é erótico e pornográfico. O pornográfico pecha máis portas e causa máis rexeitamento na sociedade.

-Como levou a cabo ese proceso de investigación?

-Foi un traballo de achegamento e de estudo á historia da literatura galega no que fun valorando as épocas onde hai material pornográfico. Son tres, básicamente: a Idade Media, na que Galicia vivía unha saúde político-cultural completamente total; o vangardismo, no que non había unha pornografía exultante coma na literatura galega medieval mais si hai unha dirección pseudopornográfica; e finalmente o século vinte, no que vivimos unha verdadeira época de transición política e polo menos, aínda que a situación non variou senón que empeorou, si podemos analizar calquera tipo de temática e asunto.

-Atopou algo que lle chamara especialmente a atención?

-Tanto como chamar a atención non, pero o que si se pode sinalar é que na Idade Media si que se vivía unha saúde sexual moito máis dinámica do que se adoita sinalar. En manifestacións artísticas como as plásticas ou a literatura vese como hai pezas nas que a xente fodía, utilizaba xoguetes sexuais, e non era nada escuro e ultra relixioso como se establece agora.

-Tería moito que aprender daquela época a concepción da sexualidade na actualidade?

-Penso que si, porque hoxe en día vivimos unha época de atraso case total, de remorsos e medos, unha época xudeocrsitiá moi escura na que as autoridades e a sociedade dictan, non sei de onde, que é o correcto e que non o é, e a fin de contas o sexo é para divertirse e é gratis. A xente debería estar de volta de todo. Hoxe hai todo tipo de pornografía en Internet, mesmo nos anuncios sempre se alude a asuntos sexuais ás catro da tarde nas televisións e despois, ante unha obra literaria, ponlle respeto, parécelles que foder é unha cousa de pobres ou de xente de pouca formación.

-Considera vostede que o resto de España avanzou máis que Galicia no tocante á normalización da sexualidade?

-Creo que si. Galicia é un reduto do xudeocristianismo cun atraso ideolóxico terrorífico. Unha sociedade e unha cultura como a galega, que únicamente vive para as festas, para o Luar e para votar ao PP, que é un partido que manifestamente non fai nada pola realidade galega, xa dá índice de que tipo de comunidade somos, unha covarde e atrasada. É unha mágoa, pero é así.

-Cre que a lingua galega se presta á linguaxe pornográfica máis ca outras?

-Si, porque o espírito galego é moi imaxinativo. Na tradición popular, para pedir a alguén que non nos moleste, dicímoslle "vai rascar o carallo" ou "vai rascar a cona", sempre facemos alusións ao sexo. E na literatura popular hai un motón de cantigas, coplas ou refráns nos que se fala de sexo, que lóxicamente é unha das principais preocupacións, porque todos vimos dunha foda, de maior ou menor intensidade, máis imaxinativa ou menos, e iso delimita o noso mundo. Somos unha cultura moi imaxinativa pero tamén cobarde, e sempre buscamos os espazos íntimos.

-Que autor ou autores da literatura galega se achegaron máis á pornografía nas súas obras?

-Sen dúbida na Idade Media o rei Alfonso, e na Idade Contemporánea Evaristo Correa Calderón que, malia todo, é un dos primeiros pornógrafos da literatura española e cando traduce as súas pezas ao galego fai un proceso de borrado de imaxes altamente pornográficos, polo que deixa uns textos máis enfocados cara o erotismo que cara a pornografía. Hoxe en día, levamos unha longa traxectoria de literatura erótica, mais pornográfica en menor intensidade.

-Afirmou que a súa anterior novela, Intensa e quente, tivera máis aceptación por parte das mulleres. Seguen estando a pornografía visual e a escrita moi marcadas polo xénero?

-Si, porque na pornografía visual, o que temos agora, é fundamentalmente unha industria feita por homes para homes. Hai un porno feito para as mulleres que é totalmente distinto, como o de Erika Lust. Pero a industria porno é un espazo fundamentalmente androcéntrico. Tamén a sociedade exculpa máis a un home que vexa porno que a unha muller que o faga.