A profesora da Universidade da Coruña, Laura Tato Fontaíña, é a editora de O teatro nas Irmandades da Fala, unha das dúas antoloxías que a Real Academia Galega acaba de publicar con motivo do centenario da fundación deste movemento pola dignificación da lingua galega. O secretario da institución, Henrique Monteagudo, é o responsable da edición do segundo volume, que leva por título Irmandades da Fala: oratoria e prosa non ficcional. Estos dous son os primeiros libros da nova colección Antoloxías da Academia creada pola institución.

-Que importancia tivo a labor realizada polas Irmandades da Fala sobre o teatro?

-O teatro forma parte do proxecto de modernización da cultura e o sistema literario galego. Cando entran as Irmandades, o teatro galego tiña moito público porque practicamente todos os coros populares tiñan un cadro de declamación, pero o teatro que facían eses cadros era de temática rural e mariñeira e todas as personaxes eran sempre das clases traballadoras. As Irmandades pretendían facer un teatro que servira para todos os públicos e subir ao escenario obras que se desenvolveran entre as clases altas para demostrar que a lingua galega non é exclusiva das clases traballadoras.

-Como foi o proceso de produción do volume O teatro nas Irmandades da Fala?

-Seleccionei catro obras que foran representativas daquilo que eles pretendían. Elexín Donosiña de Xaime Quintanilla, que transcorre nun pazo, na que falan galego personaxes que chegan de Madrid e o tema é universal; Entre dous abismos, de Antón Villar Ponte, que se desenvolve entre xente acomodada e ademais plantexa a cuestión da necesidade de que se legalizase o divorcio; María Rosa, de Gonzalo López Abente, que leva ao escenario a igualdade de dereitos para as mulleres; e Un caso compricado de Leandro Carré, unha comedia policial, un xénero que non se tratara nunca no teatro galego.

-No proceso de investigación, descubriu algún dato que lle chamase a atención e descoñecera ata ese momento?

-O que é novo é a publicación da obra de Carré porque a fixo para Toxos e Froles. Esta é unha antoloxía que se fai para que o teatro chegue a un público o máis amplo posible, de forma que tanto a introdución como a edición dos textos están adaptados ao galego estándar de agora para que resulte amena a lectura. É unha antoloxía de divulgación, o cal non significa que non teña criterios de investigación, pero o que se pretende é chegar ao máximo público posible.

-Na súa selección de obras para a antoloxía incluiu a catro autores que representan a tendencia máis europeísta e a máis traidicionalista no teatro das Irmandades. Con cal das posturas se identifica en maior medida?

-Para min os máis grandes son os máis modernos. Desde o meu punto de vista, Villar Ponte e Quintanilla representan o proxecto de europeización da cultura galega; transformaron o teatro galego nun teatro nacional e universal.

-A cal das dúas tendencias se achega máis a produción teatral galega na actualidade?

-O teatro galego contemporáneo ten dramaturgos extraordinarios e é totalmente universalista; é diverso, variado e inclúe todas as tendencias. O problema do teatro contemporáneo é a falta de apoio por parte da Administración pública, é o único, está absolutamente desprotexido, e é un problema que tamén ten o teatro español. A cultura está abandonada.

-Considera que a actividade realizada polas Irmandades da Fala está o suficientemente valorada na actualidade?

-Agardo que con este ano no que se están realizando tantos actos e publicacións, debería quedar o suficientemente aclarado. O caso é que sexa algo continuado, porque como o uso da lingua galego non está protexido polo goberno galego, non pode coidarse como debería.

-Atópase traballando en novas publicacións neste momento?

-Este ano aínda me quedan varias actividades sobre as Irmandades, o que si que estou agardando é que se publique en Galaxia a edición e o estudo introductoriodunha que obra de Otero Pedrayo titulada Camiño de Santiago que era un guión para unha película.