Quico Cadaval, Cándido Pazó e Paula Carballeira aterran este sábado ás 21.00 horas no Teatro Colón co seu espectáculo Contos na Lareira. A cita terá o seu simbolismo xa que será a primeira vez en 20 anos que os tres artistas coincidan no mesmo escenario.

-Que se van atopar os espectadores de Contos na Lareira?

-Imos contar historias, sen máis artificio que a voz e a imaxinación. En Latinoamérica isto é un fenómeno de masas e en Galicia pensamos que tamén o pode ser. Aquí ímos contar os contos arredor dunha lareira, como se facía tradicionalmente. Naquelas reunións unha historia daba lugar a outra e iso é o que imos practicar. Os contos son como as cereixas, cando colles unha sempre vai outra detrás.

-En Galicia tamén semella que se está atopando un nicho neste xénero. Agora Contos na Lareira, pero antes Noites de Retranca...

-Si, falando en térmos fúnebres si que hai un nicho. É o mellor xeito de definilo para nós porque contamos moitos contos de difuntos. Os walking dead tiñámolos en Galicia moitísimo antes de que os puxesen de moda. O éxito dese nicho de mercado artístico dos contos é que contamos cousas que nos divirten a nós e que pensamos que vai divertir a alguén máis.

-Como vai ser o fío do espectáculo cos tres artistas?

-Imos alternar e deixarnos provocar. Máis ou menos todos sabemos o que imos contar e témolo compartido pero hai algún momento no que podes provocar á outra persoa. Eu teño unha historia na que un tipo leva un susto moi grande porque se lle aparece un cuñado que morrera. Iso provoca unha grande confusión porque nunca se lle aparecera. Paula ten unha historia que impugna a miña, que di que si, que a familia política tamén se pode aparecer, o que demostra que o matrimonio é un castigo que se prolonga máis alá da morte. A forza de contar unha historia ábrese a porta da nosa imaxinación e iso abre as portas da imaxinación do público.

-Que estilo achega cada un nisto de ser contacontos?

-Cando se contan historias a personalidade aparece. Podes disimular, pretender ser moi malote, pero se ao final es un membrillo vaiseche notar. Cada un é moi seu. Penso que o que nos une aos tres é que facemos as cousas como un diálogo. Paula creo que vai máis a polo publico, fai máis rock and roll, mentres que Cándidp e máis eu, como temos uns anos, somos máis repousados.

-Prometen que tamén haberá contos internacionais.

-É o que ten ter un oficio viaxeiro, que te moves e intercambias historias con outras persoas. Non me gustaría anticipar nada pero estando na Coruña temos un territorio obrigatorio que é Irlanda. Cando vemos unha película irlandesa sentímonos como na casa. O internacinalismo comezará por aí pero pode haber sorpresas latinoamericanas.

-Falando de contos. Como está o sector teatral en Galicia?

-No teatro hai unha grande efervescencia a pesar das dificultades e do desinterese narcótico dalgunhas institucións. O grande protagonista destes anos foi o público, que resistiu e que demostrou que o teatro era de interese. A situación eu creo que é optimista e hai xente asomando a cabeza. Nós estamos maiores e imos algo cansados xa, pero iso é biolóxico, non ideolóxico. Hai gasolina no fondo da garrafa.