Achegar Portugal a Galicia e, máis concretamente, á Coruña a través da súa arte. Este é o obxectivo da exposición A arte portuguesa no feminino, que desde este sábado amosa os traballos plásticos de 12 mulleres lusas -10 pintoras e dúas escultoras- que nos últimos anos veñen destacando no seu país polas súas creacións artísticas.

Pertencentes a diferentes xeracións, este grupo de mulleres misturan diferentes personalidades e estilos, navegando desde o realismo até o debuxo máis figurativo e contemporáneo. A comisaria da mostra, Raquel Rocha, non é a primeira vez que colabora na cidade coa directora desta galería, Beatriz Pardo, mais si é a primeira ocasión na que expón aquí de forma conxunta coas obras das súas compañeiras. "Tiñamos interese en vir a Galicia, queríamos saír da nosa zona de confort en Portugal e ter impacto fóra", sinala Rocha.

Algunhas das artistas que até o 15 de novembro exporán neste local da rúa Ramón y Cajal gañaron sona nos últimos anos entre os círculos artísticos de Portugal. É o caso de Adriana Henriques ou Ana Aragão, que aínda este verán espertou o interese da prensa lusa pola presentación en Matosinhos dunha innovadora exposición baseada en debuxos impresos en grandes placas de vidro. Outra das artistas nordestinas, concretamente do Porto, que protagonizarán a obra é Susana Bravo, que ten á muller e ás situacións da vida cotiá como o centro das súas composicións plásticas, algunhas das cales xa foron expostas no Brasil.

"A arte é estarmos xuntas, a unión entre todas para amosar a creatividade a través de diferentes estilos e disciplinas", recalca a comisaria da obra. Outros dos nomes femininos que completan a exposición serán Cristina Troufa, Engrácia Cardoso, Isabel de Andrade, Isabel Lhano, Manuela Pimentel, Margarida Santiago, Susana Bravo e a propia Raquel Rocha.

Unhas das mulleres máis novas que expoñen, aínda que tamén unha das que conta con máis recoñecementos ás costas, é Ana Pais Oliveira. A artista, natural de Vilanova de Gaia, é doutora en Arte e Design -Pintura pola facultade de Belas- Artes da Universidade do Porto (2005) e, desde abril de este ano, é unha das artistas residentes do Fórum de Arte e Cultura de Espinho.

Tamén formada nese centro universitario, aínda que moito antes que Ana Pais, forma parte da exposición a portuense Isabel Saraiva. A súa obra tamén foi exposta por diferentes galerías do mundo, desde Nova York até Seúl, México ou París. As creacións de Saraiva están representadas en algúns centros de referencia do Estado español, como na Galería Fort, situada no municipio de Cadaqués, en Girona.