O actor e humorista Xosé Antonio Touriñán protagoniza, xunto ao tamén actor Federico Pérez, o espectáculo Curtis & Teixeiro, no que os cómicos se meten na pel de dous investigadores privados que explican os casos "máis intrigantes e polémicos da actualidade social e política a nivel nacional e internacional". Touriñán e Pérez presentarán a peza este venres ás 21.00 horas no centro sociocultural Ágora.

-Como naceu o espectáculo Curtis & Teixeiro?

-Naceu a modo de conferencia neses momentos nos que se debatía tanto sobre onde estaban os límites do humor co que aconteceu con Charlie Hebdo; plantexámonos se aquí se podería facer un espectáculo no que ser políticamente incorrectos, facendo o humor que facemos na vida privada. De aí nace a historia de dous tipos que estiveron infiltrados no terrorismo islámico, en grupos terroristas nacionais, que falan tamén dos partidos políticos... É un humor máis gamberro do que a xente está acostumada a vernos en televisión.

-De que fontes detectivescas beben as personaxes?

-Do texto que nun primeiro momento escribe José Prieto, un dos dramaturgos máis prolíficos de Galicia. El foi quen nos puxo no papel todas as historias por onde podían ter pasado estas dúas personaxes. É unha cousa de tres, aínda que el non estea sobre escena, moitas das palabras que soltamos pola boca son culpa súa.

-Cales son os métodos de investigación de Curtis e Teixeiro?

-Están baseados neste tipo de documentais ou programas de telerrealidade, como os de Jon Sistiaga ou Samanta Villar. Eles recadan información nos lugares máis recónditos da sociedade, desde as mafias rusas ata o narcotráfico, falan de todo.

-Diría que esta peza conta cun estilo teatral ou achégase en maior medida aos espectáculos de monólogos?

-É teatral desde o punto de vista de que haxa acción enriba do escenario, pero a verdade é que para min é máis monólogo, máis contada. Hai dúas personaxes sobre escena pero faise ao xeito que eu facía con Marcos Pereiro. Aínda así, acabamos ficcionando un dos casos nos que estiveron infiltrados Curtis e Teixeiro, que foi a época do 23-F. Rematamos facendo unha representación do que pasou realmente aquel día, así que pasamos de ser os detectives a ser as propias personaxes.

-Falaba antes do debate sobre os límites do humor. Onde cre vostede que están?

-Eu penso que os límites están nas persoas, e que cadaquén ponos onde quere e pode. A min gústame que o humor non teña límite, que con todo se poda facer rir, que é a base do humor negro; ese tipo de chistes que fas cos amigos nun bar pero que nunca se nos ocorrería facer nun medio público.

-Neste espectáculo, sobrepasan algún límite?

-Sobrepasamos moitos, depende de onde poña os límites cadaquén, depende do espectador. Ao final as personaxes sempre falan sen posicionarse, só informando.

-Considera que aínda seguen a existir moitos temas tabú nos medios públicos?

-Eu penso que si, que hai soportes que soportan certas cousas e outras non. Unha televisión pode estar encendida e diante dela pode haber calquera persoa, desde un neno de dez anos a unha señora católica á que lle pode ofender o que digan. Os medios públicos como a televisión eu penso que si que teñen que ter límites. Despois, en espectáculos coma este que son privados e ti decides se vas ou non e hai unhas condicións como a maioría de idade, os límites ponos o espectador.

-O público recoñéceo tanto polos seus traballos en solitario como polos seus dúos cómicos, con Marcos Pereiro, Roberto Vilar ou, neste caso, con Federico Pérez. É máis ou menos sinxelo actuar en parella?

-Depende con quen actúes. Eu sempre teño a sorte de actuar con amigos e con xente coa que me entendo moi ben. Prefiro actuar sempre acompañado porque me divirto máis.