Os primeiros anos do século XX foron unha época propicia para a aparición de novas iniciativas culturais en Galicia. No ámbito musical, a explosión artística e galeguista que rodeou o xurdimento das Irmandades da Fala deu lugar a un conxunto de coros galegos que partían de dúas vertentes: os orfeóns de repertorio culto e a música tradicional. Das arredor de corenta agrupacións corais que chegaron a existir naquela época, só conseguiron resistir catro: o Real Coro Toxos e Froles, o coro da Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, a Coral de Ruada e o Coro Galego Cántigas da Terra. Este último creou hai máis dunha década o ciclo de Coros Galegos históricos, que hoxe celebrará a súa duodécima edición a partires das 12.00 horas no Rosalía.

As agrupacións corais de comezos do XX "creáronse a imaxe e semellanza" do coro galego orixinal, Aires da Terra, trala súa desaparición no primeiro terzo do mesmo século. "Aqueles coros incorporaron ás mulleres, o baile, o teatro, e pezas cultas ademais das populares", explica o presidente de Cántigas da Terra, Hugo López. Aqueles primeiros anos de fulgor foron seguidos da aparición de epidemias e a represión á que conduciu a Guerra Civil española, adversidades que remataron con boa parte das directivas dos diferentes coros, e que deixaron a catro supervivintes que seguen a cultivar a música de raíces e a promover a diversificación das súas manfiestacións na sociedade actual.

A duodécima edición do ciclo de Coros Galegos históricos, que se celebrará un ano máis no escenario no que debutou Cántigas da Terra no ano 1917, chegará en plena conmemoración do centenario deste coro, cuxa celebración arrancou este pasado verán e se prolongará ata o de 2017. O ciclo contará nesta ocasión cunha estrutura innovadora. Se nos últimos anos a cita se desenvolvía en tres xornadas nas que as actuacións dos catro coros históricos se entrelazaban con propostas doutros grupos de música do país pertencentes a disciplinas coma o baile ou as regueifas, nesta ocasión todas as actuacións se celebrarán un mesmo día.

Entre as metas que axudou a acadar este ciclo están a difusión da música do país e o fomento a creación de novas agrupacións corais. "Nos últimos anos, por mor destas citas anuais, comezou a ter máis repercusión na sociedade a música galega e xurdiron, ao igual que hai un século, agrupacións que formaron con máis ou menos éxito novos coros e, cando algún deles consegue establecerse durante un tempo, incorporámolos no ciclo", explica López.

Entre os resto das actividades que o coro Cántigas da Terra ten previstas para conmemorar o seu século de vida atópanse un Festival cos Antigos Coristas previsto para o próximo 1 de decembro ás 20.00 horas no teatro Colón no que se "dividirá en catro épocas diferentes a historia do coro"; unha exposición que ofrecerá un percorrido a través da historia da institución; unha gala conmemorativa e a edición dun libro fotográfico que incluirá "unha recopilación de instantáneas de arquivo e aportacións de antigos coristas".

A celebración do duodécimo ciclo de Coros Galegos e históricos estará precedida por un pasarrúas que partirá do Obelisco ás 11.30 horas para dirixirse ao Rosalía. As entradas para o espectáculo están dispoñibles a un precio xeral de 6 euros ao que se descontarán dous euros aos titulares do carné xove, desempregados, maiores de 65 anos ou socios do Coro Galego Cántigas da Terra.