O profesor Xosé Antón Fraga falará sobre a contribución das Irmandades á incorporación do galego no ámbito da cultura científica esta tarde a partires das 19.30 horas na mesa redonda Arredor das Irmandades da Fala, incluida dentro das actividades organizadas polo Concello para conmemorar o centenario da entidade. A cita, de entrada libre, celebrarase na Biblioteca de Estudos Locais e nela intervirán tamén o político Pablo González Mariñas, que analizará o vínculo entre as Irmandades e o Manifesto Nacionalista de Lugo e o profesor Xosé Ramón Freixeiro Mato, que centrará o seu discurso no tratamento da lingua e o teatro na entidade.

-Que dificultades atoparon as Irmandades no seu intento por promover o uso do galego no ámbito da cultura científica?

-As dificultades eran moitas, porque o punto de partida era desolador; había unha total ausencia da nosa lingua no ámbito científico. Os propios impulsores da iniciativa das Irmandades eran xente que habitualmente procedía do mundo das Humanidades. A propia actividade científica estaba bastante limitada; a entidade máis potente da actividade científica en Galicia era a Universidade de Santiago, que tamén vivía momentos de escaso desenvolvemento. E mesmo en sectores intelectuais había dúbidas, que hoxe non existen, sobre se o galego valía para o ámbito científico.

-Ata que punto se cumpriu a vontade das Irmandades da Fala por facer do galego unha lingua que tamén se puidera usar na actividade científica?

-Cumpriuse parcialmente. Deuse un paso importante porque o panorama era francamente desolador. Houbo iniciativas, falouse e escribiuse de ciencia en galego por vez primeira en textos variados, pero as publicacións de cultura xeral non recollían moitos textos relacionados con ciencia e, mesmo no conxunto na actividade do Seminario de Estudos Galegos, a presenza da ciencia, sendo importante, non avanzou de maneira clara nos anos da súa actividade. Se o consideramos con respecto ao periodo previo, houbo unha mellora salientable pero esta foi bastante lenta e limitada.

-A pegada das Irmandades na ciencia valórase o suficiente?

-En xeral, o papel das Irmandades ten un recoñecemento escaso. Posiblemente por mor do centenario se viu incrementado, pero a min me parece que aínda merece aumentar. Eles teñen un grande mérito, plantexaron á sociedade galega que quería facer co idioma, visualizando o problema que temos, esa especie de dicotomía. No caso da ciencia, houbo xente que tomou nota empregando o galego nalgunha medida pero tamén houbo un sector amplo que, como acontece hoxe, non se deu por aludido.

-Coida que se lle segue a negar o compoñente cultural á ciencia e o científico á cultura?

-Partimos dunha tradición, que é que a cultura se asimila aos elementos humanísticos. É evidente que por parte de sectores máis ou menos tradicionais se tende a perpetuar esa visión reduccionista. Pero iso é contrario á propia realidade. Un pode non ser experto na teoría da relatividade ou na da evolución, pero ignorar o que estas teorías supoñen para entender o mundo ou o que supuxo Einstein ou outros investigadores e científicos é non decatarse de aspectos básicos que forman parte da nosa maneira de entender o mundo e de explicalo.

-Hai uns anos promoveu o Álbum da Ciencia xunto co Consello da Cultura Galega. Acadáronse os obxectivos dos que partían coa súa creación?

-É un proxecto do que estamos bastante satisfeitos. Eu, como director, conto coa axuda dun amplo equipo de colaboradores e, durante estes anos fumos presentando case trescentas biografías de científicos e científicas galegas. Hoxe en día na rede podemos atopar información sobre científicos pero a diferenza é que isto ven avalado por especialistas. É un dos proxectos dos que máis satisfeito estou dos realizados nos últimos tempos.

-Está a preparar algunha actividade didáctica que complemente este álbum?

-Neste momento estamos a preparar textos de ciencia publicados en galego ao longo da historia que engadiremos ao álbum. A vantaxe está en que toda esa bagaxe de información nos vai permitir tratala e trasladala de diferentes maneiras ao público.