A vontade de traballar arredor da vivenda e a influencia da obra A Metamorfose de Franz Kafka foron o xerme de Kassa, un espectáculo da compañía Elefante Elegante que sairá esta tarde ás 20.00 horas ás táboas do centro sociocultural Ágora, dentro do ciclo Ilusióhn.

"Na obra de Kafka, o protagonista convertíase en cascuda porque non tiña tempo para realizarse persoalmente co seu traballo, sentíndose unha máquina ao servizo da sociedade. Hoxe en día, a nosa personaxe convertiríase en cascuda xustamente por nin sequera ter traballo, chocounos moito esa involución, aínda que na nosa obra non se aborda esta reflexión desde outro punto de vista", explica unha das actrices da compañía Elefante Elegante, María Torres.

En Kassa, Elefante Elegante ofrece unha reflexión acerca de "como foi tratada a sociedade desde os anos 60 ou incluso antes, como se incitou á xente a pasar dunha sociedade de proletarios a unha de propietarios e como, desde as grandes multinacionais e incluso desde a política, se levou á sociedade a aceptar unha regras do xogo que nin sequera se buscaban".

Para lograr implicar aos espectadores, Elefante Elefante bota man en Kassa dunha narrativa na que predomina a plasticidade visual que aportan as cantigas en directo, o circo ou a a danza, elementos que cos que a compañía tenta propiciar a capacidade reflexiva do público ante cuestións que arrodean á vivenda sen deixar de lado a ironía. "Algo que lle sorprende ao público é a nosa capacidade de narrar tanto se empregar a palabra. Como, a través das acción, a manipulación e proxeccións coma o vídeo-mapping, imos máis aló", afirma a actriz.