É pintor e escultor, pero asegura que, se tivera que escoller, decidirse non lle sería complicado. "A escultura resúltame máis doada. Aos cadros teño que adicarlles máis tempo", di o artista vigués cando se lle pregunta. Porén, na súa última exposición, aberta ata o 17 de decembro na Galería (O Parrote, 2), Gabi Carrera amosa o seu traballo en ámbalas dúas áreas, ás que engade o seu selo persoal: a volta ao primario, unha tosquedade coa que intenta acadar a "honestidade do artista".

"Tes que ser honesto co que fas. Intentar traballar sen calzador, eliminando o que sobra", explica Carrera. "Neste mundo, se o que queres é atopar un modo de expresión auténtico, o que precisas é un espírito ben dirixido", engade.

Na súa exposición, esta sinceridade tradúcese nunha mestura de materias do máis diversa, na que destaca especialmente a madeira que Carrera trae directamente do mar: "Collo pezas de madeira que as augas devolven á praia, como restos de gamelas ou barcos", comenta o escultor, "a partir delas fago as miñas composicións".

Nelas non só emprega táboas. A maioría das veces, as súas pezas convértense en espazos nos que tamén atopan a harmonía os papeis, as cordas e incluso o café, un elemento ao que é aficionado. "Ultimamente adoito usar café. Gústame moito. Fago cafeteiras italianas e deixo que se reduza. Pero é café natural. Que ninguén diga que emprego café torrefacto", bromea.

Ao remate deste proceso de creación, Carrera atópase con resultados igual de extraordinarios que o camiño que o levaron a eles: librarías de formas imposibles gastadas polo sal, barcazas, e collages, todos eles terminados no seu taller ao ritmo do jazz de Charles Mingus.

Ás veces, segundo confesa, a mesma elaboración é algo sorprendente: "É coma quen xunta acordes de música. Collo esta madeira, e esta cor, ou este papel? En ocasións hai un accidente, o cal é fantástico. De repente, sen darte conta, descobres algo no cadro que non vías, e decides seguir por alí".

Ao final, o conxunto non conta unha historia, pero si unha sensación, unha reacción nas persoas que o observan. "Na miña obra, tendo ao lirismo, á ensonación. É moi difícil expresar con palabras un sentimento visual. Pero o caso é que a obra che atrape, que lle adiques un tempo para meterte nela e que, ao longo dese intre,estea contigo", di o artista, "é como a arte abstracta. Aínda que non che guste, ás veces quédaste parado diante dela. Por que? Porque che fixo tilín, non sabes explicalo. Desconcértate, faite pensar? Se logro iso cunhas cantas persoas, eu doume por satisfeito, porque significa que transmitín algo".