Como cada vez que representa a súa obra, mañá Manuel Anxo Rodríguez vestirase como un sen teito. Collerá a súa maleta e entrará nunha sala chea de persoas que, desconcertadas, nunca chegarán a saber se vén ou non vén realmente da rúa. Tras representala ante estudantes da cidade, os que quedarán coa dúbida desta vez serán os usuarios e o persoal da Institución Benéfico Social Padre Rubinos, onde Atrapado na cordura, unha función na que un home sen fogar repasa a súa vida a través dunha serie de obxectos e lembranzas, se representará o venres, ás 17.30 horas.

-Nesta función, vostede é director, autor e o único actor que aparece. Como se decidiu a facela?

-Supoño que é un tema que me rondaba a cabeza. Vivindo nun entorno urbano como pode ser A Coruña, daste de conta de que é unha problemática en aumento e que, ademais, está normalizada. Xa o miramos como parte da paisaxe urbana. Eu quería sensibilizar sobre esta cuestión. Abrindo caixas de obxectos que van quedando como despoxos nas mudanzas, pensei que estaría ben reciclalos. Non só os obxectos, senón tamén as lembranzas que suscitaban. Como a maioría non deixaban de ser despoxos, parecía que tiña sentido que contaran a vida dun despoxado.

-E cal é a mensaxe que quere transmitir?

-O que quero transmitir é que todos temos un pasado común. É dicir, que calquera de nós pode rematar nesa situación, a pouco que uns cantos factores se poñan na nosa contra. Hai unha delgada liña entre o con teito e o sen teito, entre a suposta cordura e a locura. Unha fronteira que en calquera momento se pode traspasar.

-Precisamente a obra está protagonizada por un sen teito, e en Padre Rubinos lamentablemente, hai moitas persoas sen fogar. Como lles vai tocar esta obra?

-Buf, agardo que non sexa moi forte. Coido que non o é. Creo que en parte vanse identificar, aínda que non pretende ser unha identificación dolorosa, con todo iso dos soños rotos e as perdas materias. Penso que vai ser entretido, porque son soños que tería calquera, tanto o que ten teito coma o que non. Por exemplo, ao comezo o protagonista di que na escola gustábanlle dúas rapazas, unha máis ca outra, pero que, cando a primeira faltaba a clase, a segunda gustáballe máis. E tenme dito, "¡Iso pasábame a min de neno!". Pois claro que si, pasounos a todos.

-Con esta historia, tamén quere fomentar a integración social e sensibilizar á xente. Ata que punto cre que o teatro pode conseguir iso?

-O teatro pode conseguir o que se propoña, pero é unha cuestión de equilibro. Se o teatro mira máis o meramente comercial, e non a propostas comprometidas coa sociedade na que vive, haberá un desequilibrio. O teatro non pode ser un analxésico para que a realidade sexa máis aceptable. O teatro ten que atacar á raíz do problema, a enfermidade, a ser posible antes de que se desenvolva. A razón é que o arte ten unha responsabilidade coa sociedade, porque pode facer que un mundo mellor sexa posible.