Noticias | Agenda

María Xosé Silvar, Sés Cantareira e compositora

"A miña obriga é facer temas e facelos ben, non ser compracente cos demais"

"Enfádame profundamente que digan que fago mitins. Eu non fago tal. Eu digo o que penso" - "O éxito coa venda de entradas significa que o estou a facer ben"
27-12-2016 23:58
0 votos
A compositora Sés, durante un concerto na Festa do Albariño de Cambados do ano pasado. noe parga

A compositora Sés, durante un concerto na Festa do Albariño de Cambados do ano pasado. noe parga

Non puido haber un comezo de xira mellor. María Xosé Silvar, a música galega máis coñecida como Sés, esgotou xa hai días as entradas dos seus dous concertos en A Coruña, logo de ter que engadir un extra pola calorosa resposta do público. Estas actuacións, que terán lugar hoxe e mañá no Teatro Rosalía de Castro a partir das 20.30 horas, serviranlle á artista para presentar o seu novo disco, Opoñerse á extinción, un traballo no que a cantareira levará unha vez máis aos escenarios o vitalismo, o amor e o seu característico espírito de resistencia.

-Dous concertos na Coruña e ambos esgotados. Como vive isto alguén que nunca quixo ser cantante?

-Faime moita ilusión. Para min o máis importante é iso, que a xente queira verme e que, cando saco un disco, queiran escoitalo e mercar as entradas para ir ao teatro.

-Opoñerse á extinción, así se chama o seu último traballo. A extinción de que ou de quen?

-En primeiro lugar, da humanidade como eu a entendo, que é unha humanidade solidaria, diversa e empática cos outros. E despois por suposto a nosa identidade, a identidade galega, que se está perdendo. Nós seguimos a ser galegos por obra e graza da lingua, como dixo Castelao, e unha lingua que non falemos é unha lingua que morre. Polo tanto, quédanos moi pouco tempo de vida.

-Falando da diversidade, hai unha frase da súa canción A Paz Esquiva, que di: "E que os terroristas sexan como deben ser, os que consideran un gran crime diverxer". Hai máis intolerancia no mundo, ou vaise conseguindo algo contra ela?

-Hai unha intolerancia máis perigosa, máis agochada. Transmitíuselle á poboación a idea de que se non estás co sistema, es un terrorista, unha persoa que sementa odio; cando en realidade o odio estao a sementar ese sistema. Ao final, quen xera a riqueza somos nós, pero logo non disfrutamos dos dereitos básicos: a sanidade, a educación? O primeiro no que se recorta.

-As inxustizas son un tema que trata moito cando canta. Busca que a xente esperte?

-Eu realmente non busco nada. O único que fago é cantar o que preciso e compoñer. De feito unha cousa que me enfada profundamente é que digan que fago mitins. Eu non fago tal. Eu digo o que penso. Que na actualidade a covardía no mundo da música sexa a norma e entón que todo aquel que diga algo sexa considerado un follonero non é culpa miña. A culpa a ten quen comete as inxustizas que eu denuncio.

-Esa denuncia é unha faceta súa da que se fala moito, pero nas súas cancións tamén hai oco para o amor. Por exemplo, no tema Con Tambores de Mar.

-Si, esa é unha canción que lle compuxen á filla de Lucía Souto, unha das miñas coristas. A nena chámase Sara, e lle compuxen ese tema cando tiña unha hora de vida. Mandáronme a súa foto e no momento fixen o tema. É unha nena que quero moito, e que sae na canción cantando. Bueno, cantando, o que ela fai [ri]. Pobriña, tiña un aniño.

-Todas estas cancións chegan varios anos despois de seu primeiro álbum, Admirando a condición. Como evolucionou desde ese disco ata este novo traballo?

-A diferenza con respecto a tempo atrás é que aprendín que a miña obriga é facer temas e facelos ben, non ser compracente cos demais, que é para o que nos educan ás mulleres. Eu paso no estudio horas e horas e págome os meus discos, e traballo de sol a sol. E ao final, o que canta son os números. Chegar alí e vender. Por iso tranquilízame cando se esgotan as entradas. Porque significa que o estou a facer ben, e espero seguir así no futuro.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Musical en A Coruña

Responde a las preguntas y podrás ser el afortunado que acuda acompañado a ver el musical 'Priscilla, Reina del Desierto' en el Palacio de la Ópera
¡No te lo pierdas!

Encuentra los eventos de