A compañía coruñesa Teatro da Semente, formada por Chus Álvarez e Raquel Queizás, chega hoxe ás 12.00 e as 18.30 horas á Sala Gurugú coa súa última obra, Gretel e Bela. Falamos con Queizás sobre esta representación, unha mestura dos contos de A Bela Adormecida e Hansel e Gretel, protagonizada por dúas nenas que xa non precisan de ningún príncipe que as salve.

-Hai que reinventar os contos clásicos?

Eu penso que si. O que pretendemos nos con Gretel e Bela é dar unha imaxe das nenas diferente, na que son elas mesmas as que, grazas a súa amizade, conseguen superar os obstáculos e os problemas. Plantexamos o xogo de que pasaría se a Bela adormecida non agardara por ninguén e se fora con Gretel nese bosque que representa o paso da nenez á madurez.

-E que ocorre a partir de aí?

Logo de que Gretel esperta a Bela, proponlle saír do bosque e marchar á cidade, que semella un futuro esperanzador. Pero non vai ser así. Cando chegan, escoitan que se busca xente para traballar, e póñense a iso, nunha fábrica de bonecas, porque saben que, na cidade, para comer so se pode pedir, roubar ou traballar. Na obra daranse conta de que algo vai mal, de que non lles gusta ese futuro, e tratarán de fuxir del, aínda que non lles vai ser tan sinxelo.

-Supoño que algo terá que ver niso o malo da historia.

Si, un bruxo, como a bruxa de Hansel e Gretel. O malo neste caso é un home, tamén para romper ese estereotipo de que as mulleres nos contos ou son parvas e agardan por un príncipe, ou son malvadas.

-Semella unha historia con moitas lecturas.

Si, ten moitas. Ten partes cómicas, pero tamén esa lectura para os adultos sobre o abandono e o traballo infantil. Queríamos amosar o que pasa noutros lugares, e enfrontar a iso a estas dúas nenas para ver como coa súa forza conseguen escapar, vencendo ao malo dun xeito ao mellor sinxelo, pero é porque ás veces unha ten a forza dentro e non sabe que a ten. Esa é outra das mensaxes: que as nenas tamén poden ser heroínas, que poden ser valentes.

-Diso danse conta ao longo da obra. Como medran no persoal as protagonistas?

É un crecemento que ven da unión das dúas. Cando se xuntan, Bela fai un pouco de nai coidando a Gretel, e ela dálle a Bela forza, ese impulso para diante que teñen os nenos.

-A obra está baseada nun texto do actor e dramaturgo Manuel Lourenzo. Tiñades algún obxectivo á hora de trasladalo ao escenario?

O que queríamos sobre todo era dar a imaxe de nenas que non son as típicas princesas rosas. Fixemos a estas personaxes femininas, para que as nenas se identifiquen como as heroínas que son, aínda que o normal é que sexan os nenos os que aparezan como protagonistas. De feito, Manuel quería facer Hansel e Gretel. Pero Chus e eu propuxémoslle substituír a Hansel por a personaxe doutro conto. Iso fai que o texto xa non sexa unha adaptación, senón unha historia distinta.

-Convértese tamén nun canto á independencia e á forza feminina. Ensínaselles pouca autonomía e amor propio ás mulleres na súa infancia?

Si. Díselles que teñen que ser moi educadas, moi caladiñas? Pero, mentres tanto, se un rapaz é moi botado para diante, é un valente. Iso é culpa nosa, dos maiores, porque eles son esponxas. Por iso fan falta contos novos, ou xogar cos antigos para dar outro punto de vista.

-O feminismo tense abordado desde moitos ángulos. Por que é importante que un deles sexa a representación teatral?

O teatro sempre foi como un reflexo da vida. Cando ves teatro todo é en directo, o estás a vivir. O teatro permite a comunicación cos nenos de forma lúdica sen pretender que capten unha mensaxe, senón que vexan que outro mundo tamén pode ser posible.