A Real Academia Galega de Belas Artes dedícalle de novo esta tarde, as 20.00 horas na súa sede, unha charla á indómita artista viveirense Maruxa Mallo. A conferencia Maruxa Mallo á luz da memoria. Aproximación á biografía dunha muller libre, estará impartida pola xornalista Carme Vidal, que fará un repaso da súa vida destacando especialmente o compromiso político da pintora.

-Pódese falar de Maruxa Mallo sen falar de arte?

-A miña vai ser unha charla puramente biográfica, pero está claro que non se poden desligar as dúas cousas. Vou falar do seu arte en canto ao que as obras de Mallo din da súa biografía. Se observamos a súa traxectoria pictórica, pódese ir adiviñando o que está a vivir en cada momento. Farei referencia a iso, pero o que pretendo en realidade é facer un recoñecemento a unha muller que foi moi libre, moi atrevida, e moi pioneira, especialmente respecto aos cánones que se lles impoñían as mulleres.

-Como loitou contra eses cánones de xénero?

-De moitos xeitos. Facía moitas cousas que estaban mal vistas que fixera unha muller: andaba en bicicleta pola rúa, participaba nos concursos de blasfemias que había nos bares de Madrid, ía sen sombreiro aínda que a xente a insultase por iso... Nunha ocasión quixo entrar no Mosteiro de Silos, onde non deixaban pasar ás mulleres. E o que fixo foi coller a chaqueta de Lorca, poñela coma se fosen uns pantalóns, calzar un gorro á cabeza e entrar coma se fose un home. Foi unha muller moi rebelde.

-Romper co establecido adoita ser complexo. A súa foi unha rebeldía con repercusión?

-Si, custoulle moitas incomprensións. Non so pola parte máis reaccionaria da sociedade, senón tamén por parte dos seus compañeiros de xeración. Ás veces aos artistas causábanlles problemas esas relacións tan intensas que tiñan con Maruxa Mallo. As súas vidas podían ser moi progresistas, pero tamén moi puritanas en ocasións.

-Esa cara indómita de Maruxa Mallo é moi coñecida. Descubrirase na conferencia algún aspecto máis agochado dela?

-Hai unha faceta que quero resaltar na charla, a súa faceta como muller comprometida políticamente. Maruxa Mallo púxose unha careta de muller escandalosa e estrafalaria, coa que quedou máis oculta a súa faceta de muller comprometida, pero foi unha entusiasta da república. Ese compromiso vese na súa participación nas Misións Pedagóxicas e nun texto que en 1938 publica en La Vanguardia de Barcelona, Relato veraz do que aconteceu en Galicia, no que fai unha crónica da represión, de como os homes e as mulleres aparecían tirados nas cunetas. É o compromiso que fixo que, cando chegou o levantamento militar do 36, sentise a obriga de marchar e exiliarse en Arxentina.

-Entra nese exilio como unha artista de éxito, pero cando regresa a España é unha descoñecida.

Si, iso foi unha triste sorpresa para ela. Cando chega a Madrid, os seus amigos están ou mortos ou exiliados, e as galerías de arte están repletas do que ela dicía que era un estilo franquista. Síntese fora de lugar, e ve que ninguén a coñece. Ten que descubrirse de novo, darse a coñecer. Ese rexurdimento acontece na movida madrileña, cando volve a ser máis recoñecida e comeza a participar en actos sociais. Tamén aproveita para falar de toda aquela xente da xeración anterior ao 36, e que estaba ausente. Convértese na súa portavoz e trata, dalgún xeito, de que os seus nomes se sentisen nese Madrid que intentaba iniciar unha nova etapa da súa historia.

-Foi unha das grandes artistas do século XX. Cre que se lle deu o crédito que merece?

-A finais dos anos 90 había un recoñecemento desa figura a través do feminismo, porque é unha muller que interesa e entusiasma. Pero está claro que ten que ser moito máis coñecida. Aínda queda moito por descubrir e valorar.