Os pasaxeiros e as historias cargadas a bordo do navío Tropical atracan esta tarde no teatro Rosalía de Castro. A obra, que os actores da compañía Elefante Elegante representarán as 20.30 horas, subirá ao escenario unha pequena mostra de todo o luxo e a miseria que existe no mundo, a través dun conxunto de migrantes, turistas, músicos, mariñeiros e polisóns aos que o mar unirá nas súas viaxes.

-Como nace Tropical?

-Cando Gonzalo mais eu diriximos a gala dos premios María Casares en 2015, traballamos o tema da viaxe, e aquilo resultounos moi suxestivo. Creamos algunha escena, e decidimos que era un universo no que queriamos seguir, porque as viaxes da sociedade occidental e as migracións teñen moita actualidade. Ademais, é unha temática que forma parte da xénese de Elefante Elegante, no sentido de que queremos que os nosos espectáculos sexan entendidos por persoas de calquera lingua.

-Este espectáculo en concreto conta unha viaxe a bordo do navío Tropical. Como son os seus pasaxeiros?

-Os viaxeiros son moi variopintos, cuns destinos que se xuntan dun xeito casual, porque as súas motivacións para viaxar son moi diferentes. A bordo de Tropical hai xente que quere gozar dunhas vacacións, e outra que viaxa agochada, porque está a fuxir dun conflito e non ten billete. Tamén están os migrantes, que serven de memoria a todas as migracións que houbo no século pasado, a banda Tropical, que está no barco para amenizar a viaxe, e os mariñeiros, que representan a autoridade.

-Son persoas diferentes, con historias distintas tamén.

-Si. Hai historias cómicas, relatos que emocionan, outros que semellan que poden pasar aquí ao lado, e outros que nos parece que están moi lonxe de nós. Pasan cousas de eidos moi diferentes, pero queremos que con todos o espectador quede coa sensación de que, en realidade, temos un rol a xogar, e que foi unha fortuna nacer no lugar no que nacemos. Que podíamos estar vivindo unha situación moi diferente.

-Queriades facer unha denuncia social?

-Queremos fuxir de xuízos e moralizacións, pero tamén reflectir algo que a nós nos impresiona: que dentro deste mundo hai situacións moi paradóxicas e opostas que, en realidade, son comúns a todos os seres humanos, porque podiamos estar a vivilas agora. Queriamos facer ver que iso está a pasar, e que moitas veces a propia vida nos empurra a mirar para outro lado porque intentamos evitar ollar a realidade tal e como é.

-Para conseguilo, contaron co asesoramento do antropólogo Carlos Diz. Como os axudou?

-Como xurdiu este tema da viaxe, sentíamos que precisábamos ter información de primeira man, e el é experto en migracións. É alguén cunha gran sensibilidade, que nos achegou moita información sobre vivencias reais que lle parecían que podían encaixar no tema. Tamén nos axudou a transformar a mensaxe, aquilo que queríamos narrar, ao teatro. Deunos moita seguridade.

-Ao levar a historia ao teatro, tiveron moi presente a parte visual, un elemento característico da súa compañía. Como a empregaron nesta obra?

-Empregamos as imaxes que creamos e distintos elementos, como as maletas e os flotadores. No espectáculo non hai diálogo, solo hai tres poemas, así que para transmitir quenes somos, onde estamos, e as motivacións de cada personaxe valémonos da parte visual e da música. Nesta ocasión, hai sonoridades blues, clásicas e balcánicas.

-E como cre que a acollerá o público?

-Temos a impresión de que vai ser moi emocionante, porque conta historias que nos tocan moito a fibra sensible. As imaxes que creamos van da comedia á ironía e ó drama. Será unha festa de sensacións.