O escritor e director teatral Lino Braxe inauguraba o pasado mércores na Casa Museo Casares Quiroga a mostra en homenaxe á actriz Manuela Varela, Escenarios. Manuela Varela no territorio dun creador. A exposición, que permanecerá aberta ata o 5 de marzo, fai un repaso fotográfico pola estreita colaboración mantida desde o 2013 por ambos artistas, e inclúe desde instantáneas, a pinturas e poemas.

"A mostra é un paseo por moitas das obras que xeramos xuntos durante a ampla relación que mantivemos", conta Braxe. "Fundamentalmente son fotografías, pero tamén hai pósteres e cadros nos que a pintei ou que serviron para os espectáculos. É unha miscelánea moi divertida", engade.

As imaxes exhibidas amosan distintos momentos das funcións teatrais nas que a actriz estivo dirixida por Braxe, e que quedaron retratadas pola man dos fotógrafos Víctor Echave, Antonio Vales, Manuel Carballido, Sol Rivas e Rodolfo Buceta. A única excepción márcaan as instantáneas entregadas por Ana Fernández, responsable dunha serie de oito fotografías nas que Varela posa como modelo.

Para amenizar as tres semanas que dura a exposición, realizaranse unha serie de actividades, que comezaron na inauguración coa interpretación feita por Varela de Maggy, a obra teatral coa que os artistas comezaron a súa andadura en conxunto. Nos próximos días, ese espectáculo irá seguido doutros como a proxección da curtametraxe Dor, unha peza de 8 minutos que denuncia o asasinato infantil no mundo e que Varela protagoniza.

Ao preguntarlle polo motivo da homenaxe, Braxe alude á presteza á que lle empurra o seu delicado estado de saúde, así como á necesidade de compartir a admiración que sinte: "Cando un dirixe, a persoa dirixida sempre ten dúbidas de ata onde chega o recoñecemento e o aprecio do director. Con esta mostra elimino calquera desas dúbidas, e homenaxeo a unha persoa que se atopa na súa plenitude", explica.