Agocha vida e morte, pero sobre todo historias. Desde o día no que o primeiro dos homes se atreveu a entrar nas súas augas, o mar ten sido testemuña muda das súas vitorias e desgrazas; dos seus naufraxios, lendas, loitas e criaturas. O imaxinario que piratas, sereas e pantasmas teñen construído ao seu arredor, xunto ao traballo diario que realizan os mariñeiros cando van faenar, son algúns deses relatos que o mar esconde, e que este venres ás 18.00 horas chegan ao Palacio da Ópera en forma de verbas e música. Baixo o nome de Historias do mar, a Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixida por Diego García Rodríguez, e o narrador Quico Cadaval,Historias do marOrquestra Sinfónica de GaliciaQuico Cadaval articulan unha experiencia centrada na importancia que estas augas teñen en Galicia, mesturando pezas sonoras inspiradas no mundo mariño con narracións fantasiosas e cotiás.

"A Orquestra contactoume para este concerto, e deume carta branca para escoller o repertorio e a idea", conta García. "Pensei na Coruña e veume á cabeza o mar, así que montei un repertorio con pezas de compositores que se inspiraron nel para que acompañaran a historias tamén mariñas, que lle puideran chegar a calquera", engade.

As obras escollidas por García que se interpretarán neste concerto son a obertura da ópera de Richard Wagner El holandés errante, e Peter Grimes: Four Sea Interludes, de Benjamin Britten. A primeira delas, seleccionada polo director debido a súa popularidade, baséase nunha lenda moi coñecida: a do holandés errante, un home inmortal condenado a navegar para sempre que so pode tocar terra unha vez cada sete anos para buscar o amor dunha moza que rompa a súa maldición.

Outra historia tráxica, aínda que non tan coñecida, é a de The Borough, o poema de George Crabbe que serviu de xerme para a segunda peza. A obra, da que neste concerto so se interpretan os interludios (Amencer, Mañá de domingo na praia, Luar e A tempestade), narra a historia dun pescador inglés pouco sociable, que tolea trala morte dos seus aprendices.

Aínda que se trata de pezas compostas a partir de contos sobre o mar, os impulsores do concerto non quixeron limitarse a repetilas. Convencido de que "no porto da Coruña hai persoas que parten para a épica diariamente", o responsable da parte narrativa, Quico Cadaval escolleu, ademais das tradicionais historias de piratas e sereas, relatos sobre o día a día da vida mariñeira: "Narro historias que me contaron mariñeiros maiores de Ribeira, a épica diaria das persoas anónimas que traballan no mar", explica Cadaval. Xunto a estas crónicas de actividades mariñas, o narrador subirá ao escenario outra historia moi próxima á cidade: a loita de María Pita contra o capitán da armada británica e antigo corsario sir Francis Drake que se produciu logo de que este atracara na Coruña.

Segundo Cadaval, encaixar estes relatos entre os interludios, o momento no que se contan, non foi doado, e esixiu cambios na obra de Britten. "O que fixemos foi inverter a orde, porque as súas características musicais non casaban coas narracións que as precedían", comenta Cadaval. "Eu pensaba acabar coas historias do traballo no mar, pero a batalla de María Pita antes do interludio nocturno, Luar, non cadraba. Iso fixo que tiveramos que levar a batalla antes do interludio de A tempestade, e pasar a vida cotiá a antes do terceiro fragmento", explica.

O que o narrador non cambiou, aínda que se trate dun concerto familiar, foi a dureza dalgunha das historias: "Deixo caer algúns asuntos que sempre estiveron na literatura infantil, un xénero extraordinariamente cruel", di. "Non evitei os temas máis duros, porque os nenos agradéceno. Por exemplo, hai unha guerra con cadáveres, unha muller que se vinga arrincando a lanza do corpo do marido, naufraxios...", engade.

Polo de agora, semella que Cadaval atópase no certo. O espectáculo, que comezou a representarse onte para os escolares, atopa unha boa resposta por parte dos nenos. "Estamos moi contentos coa acollida. Ás veces nótase un pouco de impaciencia, porque hai momentos nos que a música desaparece e sentes que queren aplaudir aínda que a peza non rematou, pero estou sorprendido", asegura García.