A cantautora cedeiresa Guadi Galego presenta mañá ás 20.30 horas cun concerto no teatro Rosalía de Castro o seu terceiro disco en solitario, O mundo está parado. O álbum, lanzado a finais do ano pasado nunha curiosa edición de CD máis vinilo, contén dez temas de autoría coral somerxidos de cheo na sonoridade pop, nos que a excompoñente de Berrogüetto reivindica a necesidade de deternos dentro do trepidante ritmo das nosas vidas.

-Unha vez dixo que a plenitude e o éxito persoal pasan por facer traballos sinceros. É este un deses traballos?

-Claro, é a miña premisa. Eu sempre fago o traballo que me apetece realizar no momento, independentemente do que a xente ou as discográficas din que debería facer. Importa moitísimo que o artista faga o traballo que realmente quere, un traballo sincero e honesto. Se non, a xente non o vai crer.

-Definiu O mundo está parado como un álbum arriscado, máis ousado que o anterior, Lúas de outubro e agosto, por que?

-Conceptualmente é máis arriscado, hai moito máis sons e instrumentos e unha inmersión clara na música pop. Eu veño do folk, e isto é un concepto moito máis universal.

-Por que se pasou ao pop?

-Non foi un cambio dun día para outro. Entrei en Berrogüetto no ano 97, e a miña evolución foi mudando en proxectos moi distintos. Esta é unha evolución máis. Non significa que no próximo traballo non faga algo máis minimalista ou con outra estética.

-Neste disco reivindica a necesidade de deternos a reflexionar no medio da voráxine da vida. Temos que pararnos a respirar?

-Desde logo [ri]. Estamos tan obrigados a competir, a producir, a rentabilizar? A tantas cousas que non nos deixan pararnos a pensar que é o que queremos facer coas nosas vidas. Pero humanamente si que estamos moi parados. Esquecémonos das necesidades humanas que temos ao noso arredor porque as necesidades capitais son mais fortes.

-Diso fala moito no disco, sobre todo nun tema, Tribu.

-Si, alí trato a facilidade coa que esquecemos as miserias humanas para dar paso rapidamente a outras cousas. Tapamos todos os dramas coa diversión e coas necesidades primarias de cada un, esquecendo o que pasa a 600 ou 100 quilómetros da nosa casa.

-En contraposición a ese tema, hai moitos outros inspirados no afecto. Vida, por exemplo, cal é a súa historia?

-É unha canción que lle fixen a un grupo de amigas que teño. Viámonos unha vez á semana para almorzar e para falar das nosas vidas e dos nosos sentimentos. É unha homenaxe á amizade e a liberdade que se sinte cando creas esa complicidade coa xente.

-Gañou o premio Martín Códax , e con este álbum é semifinalista en varias categorías dos Premios da Música Independente. Como se sente?

-Síntome unha artista equilibrada a nivel de público e a nivel de crítica. Teño un público aceptable, que antes de que saia un disco novo xa o mercan porque confía plenamente no que eu fago, e iso é importante. E, por outro lado, a nivel de crítica considérome unha artista querida. Tamén é certo que son moi perfeccionista, e que lle boto moito tempo para que o traballo sexa o mellor posible.

-Falábame antes de Berrogüetto, onde tivo a oportunidade de tocar e cantar por todo o mundo. Agora, en solitario, ambiciona traspasar fronteiras?

-Traspasar fronteiras sempre está ben, poder saír e amosar a túa música. O que pasa é que a miña ambición musical a nivel de negocio é un pouco distinta. Cando fago os meus discos, quero que quen os merque os goce e os cante, e pouco máis. Non estou pensando nun triunfo internacional. O meu obxectivo é ir facendo camiño pouco a pouco e crear a música que realmente quero.