Helena de Troia, a protagonista sen voz da Ilíada, chega esta tarde ao noso tempo con Helena, xuízo a unha lurpia para contar dunha vez por todas a súa versión dunha lenda que sempre ten sido narrada por homes. Da man de María Barcala (Teatro do Atlántico) e nun monólogo de 60 minutos, a raíña de Esparta tomará por fin a palabra no Teatro Rosalía, onde desvelará, a partir das 20.30 horas da tarde, a cara xamais amosada dun dos relatos máis coñecidos da mitoloxía grega.

- Como se trae a Helena de Troia ao século XXI?

-Tróuxose a partir dunha idea de Miguel del Arco, o autor do texto, que colleu unha personaxe que na Ilíada apenas ten voz e pediulle que dixese o que acontecera. Helena conta como a muller na súa época foi usada como unha moeda de cambio e como foi a escusa para emprender unha guerra que realmente non tiña como finalidade recuperala, temas que poden trasladarse ao século XXI. Ademais, a muller que vemos falando, aínda sendo esta Helena mítica, é unha muller de hoxe en día, porque o seu pai, Zeus, a condenou a avellentar e non morrer.

- O título da obra a califica como unha lurpia, por que cree que é unha personaxe tan controvertida?

-Na Ilíada, Helena é a raíña de Esparta, pero quen realmente exerce é o seu marido, Menelao, un home ao que non elixiu e que lle dobraba a idade. É unha nena infeliz e maltratada que non sabe que é o amor ata que o descubre en Paris. Podemos xulgar entón que tome a decisión de abandonar aos seus pais, a súa filla, o seu reino e o seu home e marchar detrás del? Eu desde logo non estou disposta a xulgala, senón a defender que tomara por unha vez unha decisión propia.

- Transmitir a súa historia require moita emoción, un elemento que o director, Xulio Lago, destacaba como vital. Que sentimentos proxecta como Helena?

-Moitos. Calquera tipo de emoción que poda experimentar unha persoa é a que experimenta Helena. Desde o amor apaixonado por Paris ata a dor terrible ante a devastación da guerra, o temor á morte, as terribles sensacións ante a separación das súas fillas Ifixenia e Hermione... É un traballo dunha intensidade brutal para min como actriz, porque son moitas as emocións polas que hai que transitar.

- É difícil defender soa no escenario a unha personaxe de tal calibre?

-Estar soa fronte ao público e fronte a esa personaxe é un traballo difícil. Pero cando tomei a decisión de facelo, o que me moveu non foi o reto, senón o texto que se me presentou, como fai que o espectador quede con sensacións despois de acabar o espectáculo. Iso é o que me interesa no teatro, que ademais de comunicar e de entreter provoque debate, pensamento e discusión, e Helena é un deses textos.

- Non está soa de todo. Os seus compañeiros no escenario son unha botella e un vaso. Helena, xuízo a unha lurpia , é realmente un xuízo ou unha confesión?

-O autor lle deu o título de xuízo, pero realmente o que vemos é o alegato que fai Helena diante dos seus xuíces. Hai un momento no que decide falar diante deles, do público entendido como seres humanos que, transmitindo os mitos de xeración en xeración, son os que lle dan vida. É no noso pensamento onde Helena vive, pero ela quere morrer, así que fai un alegato pedindo que lle dean o esquecemento para poder facelo.

- Toda a obra é a versión dos feitos que da Helena para poder tomar a palabra antes dese xuízo. Como será o veredicto do público despois de escoitala?

-En cada sitio ocorre dun xeito, porque cada espectador é un mundo, pero o que eu vexo é que o público empatiza con Helena. Traen a historia ao mundo actual, e iso failles reflexionar sobre esta situación na que recibimos a historia sempre desde un lado parcial. Penso que é interesante escoitar tamén as outras voces, ás que non se lles permite falar, e a partir de alí establecer o debate. As mulleres temos que empregar a nosa voz. Temos que tomar a palabra e usala sen medo.