A escritora coruñesa María Canosa presentará esta tarde ás 20.00 horas na Livraria Suévia (Villa de Negreira, 32) o seu derradeiro libro para adultos, Cando cae a luz. A obra, un compendio de trece contos de medo e misterio, recupera cunha dobre mirada a eses lobos que antes atemorizaban aos campesiños e que agora, nuns tempos que semellan máis modernos, teñen pasado a vivir na nosa cabeza.

- Que acontece cando cae a luz?

-Cando a luz se vai do día, créase un momento máis propicio para a intriga, o misterio e o medo. Moitos destes relatos acontecen cando a luz se vai, e ese é o fío condutor das historias.

- Tamén di que é cando saen os lobos, unha metáfora deses medos que tanto mudaron.

-Si, a sociedade cambiou moitísimo e os nosos medos tamén. Moita xente nova non viu nunca un lobo de preto, pero antes si que acontecía, porque vivíase máis de cara a natureza e, polo tanto, era máis común terlle un medo real. Pero agora moitos viven afastados dese ámbito, e os lobos que nos apreixan tamén son outros. Son medos que están na cabeza, que non existen, como o medo a viaxar nun avión, ou o medo a perder o traballo.

- Para falar deles emprega personaxes moi clásicas, como as pantasmas, pero tamén outras curiosas, como o bosque de eucaliptos do conto Rañaceos de celulosa , de onde veñen esas novas figuras?

-Dunha dobre lectura. Eu non son unha adicta aos eucaliptos, prefiro outro tipo de árbores autóctonas. Non é que me gustaría erradicalos [ri], porque non me gusta cortar árbores, pero si me gustaría que a nosa contorna se coidase doutra maneira. Ven un pouco de aí. Neste caso, é como se os eucaliptos nos atacasen, nos invadisen. É un xeito diferente de dicilo.

- E cal é a dobre lectura de Mary Poppins? É outra das personaxes que recupera.

-Eu creo que tamén os tipos de familia agora mudaron. Os rapaces incluso se podían criar practicamente sos ao bordo da casa. Pero agora ás veces é imposible, temos que depender doutras persoas para a crianza dos cativos. Precisamos de contar con alleos, e os alleos? hai que confiar neles, pero non deixan de ser alleos. Por outra parte, é pola sobreprotección na que mantemos aos nenos. Non queremos que se manquen con nada, queremos preservalos nunha burbulla. O relato de Mary Poppins reflicte ese medo: onde poñemos os límites e como coidamos aos nenos cando non temos ás veces nin tempo para facelo.

- Son só dous dos trece relatos do libro, xa naceu orixinalmente como un conxunto?

-Ás veces non se sabe como nacen os libros. Eu o que si fago moitas veces é experimentar. O camiño da escrita é un camiño de aprendizaxe continuo, sempre agardo mellorar de cada vez. Este era un xénero que eu lía moito cando era adolescente, e sobre o que escribín algunha vez algún relato, pero que deixei. E chegou un momento no que me dixen: 'Por que non volver a retomalo?'. Non sabía si remataría facendo un libro, pero foi que si.

- Fíxoo para recuperar a tradición oral do conto arredor do lume.

-Iso é o que máis me gustou, ese xeito de contar as historias que había antes, cando a xente se xuntaba nas tabernas para falar. Gustaríame recuperar esa tradición de transmitir as nosas historias duns a outros. O que quixen facer é escribir uns relatos que lle puidesen acontecer a calquera, para volver a ese momento de contar as cousas de xeito que pareza que, si non me aconteceron a min, pasáronlle ao que está ao meu lado.

- É unha tradición perdida?

-Eu creo que aínda nos gustan moito as historias, e que non perdemos esa necesidade de que nos conten cousas. Pero, a parte do Whatsapp e das mensaxes, gustaríame que a xente falase máis mirándose aos ollos.