Con todos os que levan moitos anos subidos aos escenarios, facendo cancións polas noites e erguéndose polas mañás para se dedicaren a outra cousa ben diferente ou só para ensaiaren por se a alguén, algún día, se lles ocorre chamar, con eles e cos que se negan a deixar de amar a música, compartiu onte Rosa Cedrón o seu galardón como autora do Mellor Tema Orixinal, por Benditas feridas. Benditas feridasPorque onte, no teatro Rosalía, celebrouse a XVI gala dos Premios Opinión de Música de Raíz, uns galardóns que naceron para recoñecer o labor de todos os que non deixaron esmorecer a música tradicional e para os que, recollendo esa semente, se atreven, día a día, a reinventala e mesturala, a darlle as voltas que fagan falla para que siga viva.

Impúxose, así Cedrón, a Nábia, a Ecuacións, de Xoán CurielEcuacións, , e a Loch Nis, a composición de Quim Farinha, para Talabarte. "Para min é moi importante, porque son moitos anos, pero tamén moitas feridas e iso é algo que temos un común moitos dos que estamos aquí, ese día a día, intentando non caír deste cabalo que, ás veces, se desboca e que ameaza con sacarnos do camiño", resumiu Cedrón, enriba do escenario a súa andaina e o seu proxecto de seguir adiante, de que ninguén quede atrás nun mundo que, ás veces, non llo pon nada doado para seguir avanzando.

O premio ao Mellor Artista do ano 2016 recolleuno onte Fernando Barroso, que se impuxo a Caxade, Germán Díaz e Pedro Pascual, mais que quedou, sen o galardón de Mellor Disco, que lle foi concedido a Talabarte, por Fake. Fake

Das mans do gañador do ano pasado ao mellor artista Roberto Somoza -compartido con Pedro Lamas por Fame- Famerecolleron onte o trofeo Talabarte, que se definiron como "tres amigos que comparten a música desde hai moitos anos", e cuxos camiños se cruzan e descruzan. En definitiva, tres "viaxeiros da música", deses que, cando as cousas veñen mal dadas e ninguén destina orzamento para que os grupos saian das súas fronteiras, poden escapar e fuxir e visitar novos horizontes grazas aos seus instrumentos e ás súas músicas, iso si, sen esquecer nunca de onde veñen os sons que recoñecen como propios. "A música está dentro de nós, pero sempre está presente a muiñeira, eses arpexos dos que non podemos escapar, aínda que estean rodeados, no noso caso, doutras músicas sofisticadas", dixo o contrabaixista de Talabarte, Kin García.

Dos devanceiros, dos avós e avoas que aínda atesouran nas súas memorias as foliadas vividas en primeira persoa tamén se lembraron onte as mulleres de Algarada, da escola Xiradela, de Arteixo. "Pensamos que o noso baile e a nosa música é unha desas cousas que nos distingue deste mundo tan globalizado", lembrou onte Carolina Castiñeiras, unha das pandereteiras da formación. Para os que comezaron a traballar en recuperar a tradición e foron "en contra das modas" durante máis de trinta anos foi o décimo galardón Andaina Senlleira, para o grupo Muxicas, que lembrou os tempos nos que estaban vetados na súa cidade, Vigo, e como tiveron que sortear a entrada de novos instrumentos nas formacións, que non eran tradicionais e non se adaptaban ao espírito de Muxicas.

Os Premios Opinión de Música de Raíz teñen sempre un compoñente de sorpresa, de xuntanza e de mestura, así que, onte, para abrir a celebración, tocaron logo de dez anos sen facelo xuntos, o zanfonista Germán Díaz, e o gaiteiro do Morrazo Anxo Lorenzo,Germán Díaz, Anxo Lorenzo que interpretaron unha das pezas máis complicadas de tocar con estes instrumentos, Ile flottante. En dous temas estiveron ademais acompañados polo guitarrista Pablo Lafuente. Para pechar o acto, reuníronse tamén outros tres músicos, Luis Peixoto, Fernando Barroso e Pedro Fariñas, TRIM, que levaban tempo sen poder coincidir no escenario, por non ser quen de cadrar todos os seus proxectos. O teatro Rosalía de Castro encheuse onte, un ano máis, para render homenaxe á música galega, á feita coa raíz da tradición. Entre o público estaban músicos como Xosé Lois Romero, ou Caxade, pero tamén o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, e a concelleira do BNG na Coruña, Avia Veira, e a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, así como o director de comunicación de Gadisa, José Luis Fernández Astray. Asistiron tamén o director do Agadic, Jacobo Sutil, que foi o encargado de entregar o Andaina Senlleira, aos representantes do grupo Muxicas, e o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, que entregou o galardón de Mellor Artista a Fernando Barroso.