Santi Romay métese de cheo mañá e pasado, ás 20.30 horas no Teatro Rosalía, nunha das obras de Martin McDonagh máis representadas en Galicia, O tolleito de Inishmaan. Dirixido por Cándido Pazó, na obra Romay será Billy, un eivado irlandés dos anos 30 que, atrapado no entorno pechado da illa na que reside, buscará desesperadamente un camiño que lle dea por fin a oportunidade de brillar.

- Billy é unha personaxe con fortes limitacións físicas, como se preparou para interpretalo?

-Primeiro mirei as propostas que se fixeran noutras interpretacións, para ver se me inspiraban, pero non me serviron de nada [ri]. Cándido buscaba unha composición física moi arriscada, con muleta. Integreina como parte do personaxe, e fun traballando o corpo nos ensaios. Tiven algún susto, algún pinchazo no xeonllo por algunha das posturas, pero dosificando e non levándome ao extremo, conseguín facelo.

- É a súa personaxe máis dura?

-Creo que foi a personaxe máis difícil que intepretei ata o de agora. Ten unha carga emocional bastante dura, porque é criado polas súas tías, sona o rumor na illa de que os seus pais morreron, está namorado dunha rapaza que non o corresponde...Iso ademais da parte física, que está a facer de ouro ao meu fisioterapeuta.

- Había algún risco á hora de interpretalo?

-[Dubida uns intres] Sobre todo caer no estereotipo, e que a xente vise unha discapacidade forzada. Pero non foi así. De feito, unha muller achegouse a min e díxome que menos mal que estaba ben, porque quería rir pero, ao pensar que estaba mal de verdade, non o facía. Cando o público que non te coñece te ve en escena e pensa que es realmente tolleito, é un cumprido.

- A pesar desta discapacidade que ten, dicía Cándido Pazó que Billy supera a todos mentalmente.

-É que é a persoa culta da illa, a única que lee libros. Iso estimula a súa mente, e provócalle unha inquedanza por facer algo do que sentirse orgulloso. É alguén que persegue un soño que semella imposible nel: o de ser amado e valorado como calquera outro.

- Son moi crueis as personaxes de McDonagh?

-O que non son é o que parecen. McDonagh traballa moi ben iso de que unha personaxe poida parecer mala, e que ao final remate tendo certa humanidade, e viceversa. Sempre hai unha parte oculta.

- En Billy tamén?

-A miña personaxe... Realmente a primeira vista vese moi boa persoa, pero ten un fondo. Moitas veces emprega o engano e a mentira para conseguir os seus fins.

- Así que maldade, mentira e traxedias. Ao final O tolleito de Inishmaan é un drama ou unha comedia?

-Os grandes dramas teñen parte de comedia e as grandes comedias teñen parte de drama. Esta é unha comedia que ten un trasfondo de drama, porque non hai que esquecer que McDonagh provoca o riso das desgrazas humanas. Aquí non deixa de pasar a desgracia dun tolleito que é infeliz nunha illa na que todo o mundo se mofa e se ri del. Iso realmente podería ser un drama, pero McDonagh o converte nunha comedia. O espectador pode rir, pero tamén emocionarse coas partes máis dramáticas da obra

- Unha con moita aceptación. Recibiu cinco premios María Casares. A que cree que se debeu esa aceptación do público galego?

-Principalmente ao texto de McDonagh, claro. É un autor contemporáneo, do que xa se representaron aquí cinco pezas, e que retrata unha Irlanda que é moi similar á nosa Galicia. Tamén creo que outra das claves é o reparto que hai: Evaristo Calvo, Susana Dans, Ana Santos, Marcos Pereiro... E o director, Cándido Pazó. Soubo compensar moi ben os defectos e as virtudes que temos cada un de nosoutros.