Meter a man na terra. Así define Xabier Díaz a recuperación da música popular galega na que leva traballando toda a súa carreira artística, e que hoxe fará sonar de novo con motivo do Día das Letras Galegas. Acompañado das Adufeiras de Salitre, once cantantes e percusionistas que foran alumnas súas e que retoman o uso do adufe, o músico interpretará hoxe ás 21.00 horas no Campo da Leña e baixo unha carpa por se chove, os versos do seu último traballo, The Tambourine Man, un álbum que define como "equilibrado e diferente".

- Música tradicional no Días das Letras Galegas, é o mellor xeito de festexar esta data?

-Para un músico si. O mellor xeito de celebrar o Día das Letras é facelas musicadas. Eu festexo a lírica anónima que ven do pobo, e fágoo permanentemente, porque é parte do combustible co que traballo e que move o meu corazón.

- As cancións escollidas nesta ocasión para facelo son as de The Tambourine Man , calificado como o seu disco máis ambicioso.

-É o máis difícil dos que fixen, e ambicioso tamén pola formación. Levar dous músicos, un acordeonista e un zanfonista, e despois un set de once mulleres que tocan a percusión e cantan non é algo habitual. O principio a xente pensaba que sufría algún tipo de trastorno por aventurarme cun formato tan grande, pero curiosamente desde o estranxeiro están solicitando ese formato.

- Funciona ben fora a música de aquí?

-Estupendamente. Se a música é unha linguaxe tradicional e normalmente non atopa barreiras para comunicar, á música popular iso acontécelle dobremente, porque está feita co corazón e nace desa simpleza marabillosa do pobo. Son cancións ademais cultivadas durante anos, polo que chegan moi rápido a parte emocional do público. Nós, por exemplo, acabamos de chegar de Argel, e rematamos o concerto coa xente de pé e cantando.

- Porén, ten dito que a exportación da cultura galega é deficitaria.

-É que se da unha dobre circunstancia. Por un lado, todas as axudas para exportar a música galega son poucas. Hai un capital artístico desmedido e dun nivel que roza á excelencia e que non se corresponde coa cantidade de músicos que teñen a oportunidade de presentar os seus traballos fora. Pero polo outro, eu son moi teimudo. Sabía da dificultade, porque existe, pero rebeleime contra ela. Tivemos esa oportunidade, e agora mesmo somos unha das excepcións que hai no país.

- Son unha excepción e tamén fan cousas novas. Déronlle unha volta de torca á música tradicional, como se fai iso?

-É difícil [ri]. Tamén é que non me gusta caer neses tópicos de tradición e modernidade. En realidade eu o que fago é respirar esa música hoxe. Teño a sensación de ser máis vangardista canto mais afondo nas partes mais arcaicas da música popular. Trato de escapar da occidentalización nela, de todo aquilo que signifique un molde.

- A música tradicional non ten molde?

-Bebe de moitas fontes diferentes. As escalas que se adoitan empregar na música contemporánea son estándar. Empregan poucas cores e moi iguais. As músicas tradicionais se basean noutros tipos de escalas, e a paleta aumenta cun espectro mais grande. Esa é a parte da música tradicional que me interesa, a que escapa do tópico.

- É a que recupera neste disco. Tamén retoma instrumentos en desuso, como o adufe.

-Si. A a miña teima era axudar a recuperalo. A pandeireta o desplazara, pero tivemos a sorte de contactar con estas señoras maiores que nos ensinaron o xeito de tocar. Agora tócano as Adufeiras de Salitre, que para min representan o futuro. No disco tiven a sensación de estar collendo cunha man iso que me daban esas señoras, mentres que coa outra o trasladaba a estas mozas, para que o continuasen e que o día de mañá puidesen darllo ás seguintes.