Comeza cunha cidade, Barcelona, e un bombardeo en 1936 no que amigos e inimigos se mesturan. As memorias de Antonio Seoane Vázquez, comandante republicano do exército español e xefe de seguridade da capital de Cataluña durante a Guerra Civil, saen finalmente á luz no libro Años de guerra y revolución 1936-1939, que o seu sobriño e afillado, Antón Seoane, presenta mañá ás 20.30 horas na libraría Sisargas. Case oitenta anos despois da súa escrita, e logo de permanecer agochado durante décadas mesmo da súa propia familia; a confusión, as críticas e as vivencias en primeira liña deste militar chegan as librarías para ofrecer unha visión próxima e analítica do acontecido, un manuscrito rematado no exilio durante os 40 no se que repasa un dos maiores dramas da historia do país.

"El non falaba absolutamente nada da guerra. Dicía algo de como coñecera á miña tía en Francia, pero o resto do discurso era bruma", conta o sobriño do autor e guitarrista do grupo Milladoiro, Antón Seoane. Foi por iso, di, polo que lle sorprendeu tanto atoparse co libro. Ocorreu en 1993 cando, logo dunha comida en Pontevedra, a esposa do escritor deulle entre vellas fotografías e documentos a obra que escribira o seu marido. No seu interior, agardábanlle a Seoane outras dúas sorpresas: "Eu tiña ao meu tío como o home que pasaba os veráns en Portonovo, e que viña aos xantares. Sabía que estivera na guerra, pero non toda a traxectoria de responsabilidade que tivera no bando da República", comenta, sinalando unha imaxe de Castelao como o segundo feito desconcertante daquel día. "Nunca o vin moi ligado á esquerda nacionalista, pero a miña tía díxome que tiveran moita relación 'por asuntos de goberno", continúa.

Segundo o músico, o vinculo tivo que ser certamente estreito. Polo que lle escoitou á súa tía, o militar adoitaba chamar ao literato 'o bacallau de Escocia', polo xeito no que a súa muller o acompañaba debido aos seus problemas de visión. "Estaba case cego, e a súa esposa tiña que levalo pegado a ela, como se levaban entón os bacallaus", explica Seoane. "É unha broma demasiado cercana para dous descoñecidos", engade.

Esta nova perspectiva da figura do seu tío, e das experiencias que tivera no fronte foi o que chegou ás mans do guitarrista a comezos dos 90. O axetreo da vida, porén, fixo que non fora ata principios dos 2000 cando se dispuxo a tratar de publicalo. "A moitas editoriais non lles encaixaba, ou ben porque non estaba escrito en galego, ou ben porque era tremendamente crítico coa dereita e coa esquerda", di Seoane, asegurando que o militar "cría que alguén se encargaría de publicar o seu traballo". E é que Antonio Seoane Vázquez, falecido en 1981, non se limitara a escribir o manuscrito. Tamén fixera un duplicado a carboncillo, unha segunda copia a máquina que non se viu capaz de publicar debido a un dos golpes máis duros que recibiu durante a guerra. "Os seus tres irmáns estaban no bando franquista, e un obús republicano matou ao menor. Por parte dos outros dous, el era responsable dalgún xeito desa morte, e tiña medo da reacción que terían ante o libro", explica.

Este trátase, asegura o músico, dunha "análise lúcida da estratexia política e militar da República", cuxos responsables tomaron, segundo o militar, varias malas decisións durante o período bélico. "Fai unha crítica aos poderes republicanos por non deixar en mans dos militares profesionais a guerra", afirma Seoane, apuntando tamén como problema os "encontronazos que acontecían entre irmáns ideolóxicos á hora de tomar decisións". Son eles, di, os que levan o libro á realidade máis inmediata. "Un dáse conta de que pasaron anos, pero tampouco tantos. A esquerda estaba moi dividida entón, e agora iso é unha especie de déjà vu na política española dos nosos días", conclúe.