É un dos grupos galegos de jazz máis potentes, e tamén un dos máis antigos. Sumrrá, a banda que integran desde casi dúas décadas o pianista Manuel Gutiérrez, o contrabaixista Xacobe Martínez e o batería Lar Legido, únese esta noite ao festival +QueJazz coa súa actuación no Garufa Club, onde repasará a partir das 23.00 horas os temas da súa extensa discografía.

- Levan 17 anos de actividade, unha cifra que sorprende a moitos. É máis difícil manterse no tempo dentro do jazz?

-O jazz é un xénero que non entende moito de grupos. É un estilo no que é máis habitual que exista un intercambio de músicos, polo que o feito de que un conxunto estea cos mesmos integrantes tantísimos anos non é moi común. De feito, dixeron que somos a formación de jazz máis lonxeva de toda España. Nese sentido, penso que funcionamos como un grupo de rock. As personalidades dos integrantes son difíciles de intercambiar.

- Ese é o motivo polo que duran tanto?

-O motivo polo que duramos tanto creo que é que nos segue interesando o que sucede cando tocamos xuntos. Despois de 5 discos, aínda sentimos queda moito por probar. Tamén é que cando tés unha relación que non funciona hai mil escusas para rompela, pero nós non temos ningunha. Gozamos, e temos un público todoterreo, de todos os tipos e idades.

- E de moitas nacionalidades. Regresaron fai pouco dunha xira por China, como foi?

-Foi unha semana moi intensa. Levamos tocando fora de España, e a resposta é exactamente igual en todas partes. Hai pequeñas variacións, pero o que facemos é universal. A xente o entende igual estea onde estea.

- Tamén estiveron en outros sitios como Sudáfrica, Corea ou Centroamérica. Non lles quedará xa ningún sitio onde tocar.

-A nosa espiña é tocar máis en España. En 17 anos temos tocado pouquísimo aquí, e en Europa absolutamente nada. Para nós e moito máis doado ir a tocar a China que a Francia.

- Por que?

-A primeira vez que estivemos en Sudáfrica nos dimos conta de que para eles non éramos galegos nin españois, senón europeos. Esa distancia borra moitas das fronteiras que hai. Ademais a gran eiva que temos os que nos dedicamos á cultura en Galicia e España é que estamos no pleistoceno. O nivel de desprotección e pasotismo que hai moitas veces fronte as actividades culturais que se fan neste país é unha pasada. Estamos felices de facer o que facemos, pero moitos se sorprenderían se coñecesen o nivel de precariedade no que se traballa.

- Aínda así contan cunha gran proxección internacional. Inflúe nesa acollida a súa mestura de estilos?

-Inflúen moitas cousas, pero é certo que cando estamos defendendo os directos botamos man de todo o que somos. E nós somos moitísimas cousas. Encántanos o rock, a música clásica, o cine? Toda a música que mamamos desde pequenos forma parte do noso discurso como intérpretes.

- O seu último disco o editaron co selo neoyorquino Clermont Music. Que supuxo para vostedes ese salto?

-É un selo pequeniño, pero nos fixo moita ilusión que alguén tivera interés en sacar un disco de Sumrrá, porque non recibimos ofertas discográficas nunca [ri].

- Seguirán con el no próximo traballo?

-Están interesados nos seguintes discos, si, así que témonos que poñernos a traballar.

- Para compoñer máis jazz. O seu compañeiro, Legido, definiuno como unha filosofía. Está de acordo?

-Si, é unha actitude ante a vida, unha disciplina que non entende de imposturas nin de aprender algo e replicalo. Está en constante movemento e implica reaccionar. E a vida tamén é así. Por moitos plans que teñas, arranca o día, suceden cousas e o mellor que podes facer é encaixalas cun sorriso. E se pode ser afinado, e a tempo.