"É unha canción na que viñamos pensando desde hai tempo, movidos porque chega xuño e empezan os anuncios de Estrella Damm e de Amstel que pintan un verán idílico e nós sentimos que o noso verán non é así, que hai un gran contraste con ese verán que nos venden", conta Juan Pirola, un dos compoñentes da banda Ezetaerre que vén de estrear o tema Non é verán de estrella Damm.

É unha canción combativa, na que falan dos empregos precarios, dos "tourists, go home" do " refugees, welcome", mais tamén da realidade da cidade da Coruña, de onde é un dos membros da formación, Miguel García, Garchu, así que, teñen o seu oco a loita por facer que a Solana sexa "pública para todas" e a auga "que corta a pel" da praia de Santo Amaro, mais tamén o cociñeiro Jordi Cruz, ao que Ezetaerre destinaría a un chiringuito para que cobrase, coma tantos outros, "tres euros á hora".

"Miguel, que é de Monte Alto de toda a vida, decidiu meter na canción o conflito da Solana e a nós pareceunos acaído pola situación que ten e tamén polas mobilizacións que houbo", comenta Pirola, que fai referencia á herdanza recibida doutras formacións, non só de rap senón tamén doutros estilos musicais que forman parte da banda sonora das súas vidas.

"Nós temos claro que a cultura é unha ferramenta para crear conciencia social, desde escoitar a Estopa falar do dura que é unha xornada laboral até outras máis explícitas como as de Kortatu... Medramos con iso e estou seguro de que gran parte da nosa conciencia se forxou por aí", relata Pirola.

Este vídeo, que chegou ás redes sociais e tamén ao Youtube o 29 de xuño conta xa con máis de 24.000 visualizacións. "A min unha das cousas que me ten máis alegre de todo isto é que está trascendendo os nosos círculos habituais de socialización, que son de xente máis politizada, onde a mensaxe xa chegaba. Agora sabemos que hai xente da que non tiñamos constancia das súas inquedanzas, á que lles chega a mensaxe", relata Pirola, que reivindica facer música para un público máis amplo que "os militantes de sempre", iso si, sen deixalos a un lado, pero sen intentar convencelos, porque xa o están.

Así que, entre ritmos de hip hop e cunha coidada estética, cóanse versos que sacuden a conciencia social, que falan das festas libres de acoso, do pelotazo urbanístico, de que vivir "mediterráneamente", como dicía o anuncio de Estrella Damm de 2015, non é estar na praia todo o día senón enfrontarse nun caiuco a unf uturo incerto ante a indeferenza de Europa, e falan tamén das cancións do verán, dos guiris queimados ao sol, da clase traballadora que non se rende, que non descansa, e de Eurovisión. "Non concebimos facer cultura ou música sen conciencia social", resume Pirola.

Ezetaerre naceu no ano 2015 e, en febreiro de 2017, presentou o seu primeiro traballo discográfico, Aspiracións mínimas e urxentes, do que estrearon no mesmo día un videoclip por cada un dos oito temas do disco, converténdose, deste xeito, na primeira banda galega que colgou en Youtube oito montaxes no mesmo día.