Noticias | Agenda

María Xosé Silvar Cantareira, actuará esta noite nas Festas de María Pita

"A miña chegada ao mundo da música foi moi dura. Hai moito ego, e eu non o tiña"

"Cheguei a un gremio no que ser muller é ser unha gacela nun mundo de hienas" - "A xente vénme ver porque busca autenticidade. Se es pequeno, so funcionas así"
01-08-2017 23:08
6 votos
A cantareira María Xosé Silvar (Sés), sobre o escenario da plaza de María Pita no que tocará esta noite. carlos pardellas

A cantareira María Xosé Silvar (Sés), sobre o escenario da plaza de María Pita no que tocará esta noite. carlos pardellas

Vén dunha tempada repleta de cheos nos seus concertos e cun novo proxecto baixo o brazo. María Xosé Silvar, a cantareira agochada tras o nome de Sés, chega esta noite ás Festas de María Pita para interpretar ás 22.30 horas o seu álbum máis recente, Opoñerse a extinción. Acompañada da súa banda, e tamén dalgún que outro músico sorpresa, a artista subirá ao escenario coa súa forza e compromiso habitual, debuxando coa súa voz o amor e as inxustizas do noso mundo.

- Falaba de forma misteriosa en redes sobre o concerto desta noite. Que ten preparado?

-Unhas sorpresas, colaboracións de músicos como Xan Cerqueiro, de Luar na Lubre, que van estar esta noite.

- Virá co seu disco Opoñerse á extinción . Con el está esgotando as entradas en todos os concertos.

-Si, pero o crecemento foi paulatino, e hai que ter en conta que os aforos de Galicia son de 1.000 localidades. Si que chegamos a facer sold outs, pero sobre todo polo que me alegro é por darlle unha patada na cara a todas esas persoas que consideran que a cultura que se crea co noso idioma non vende.

- Por que triunfa Sés?

-A xente vénme ver porque creo que busca a autenticidade. O produto que non é auténtico pode funcionar avalado por unha gran multinacional, pero se es pequeno, so funcionas se es de verdade.

- Falta verdade na música?

-Moita. Hai moito "queremos ser", "queremos soar a?". Eu sempre digo que hai dous tipos de músicos: os que teñen a música como fin e os que a teñen como medio. A miña fin é facer cancións, pero se ti tes a música como medio de gañar diñeiro, entón non é arte. A música so é auténtica cando a fas porque queres facela, non porque queres ser famoso ou un icono sexual.

- Hai moi malos referentes femininos nese sentido.

-Si, pésimos. A maioría dos referentes musicais masculinos son referentes musicais, pero a maioría dos referentes musicais femininos son referentes sexuais. Cantas boas guitarristas ou baterías coñeces? E non podemos dicir que non existan! Brittany Howard, por exemplo, un fenómeno á guitarra. Que pasa? Que pesa 120 kilos. Nun mundo tan esaxeradamente gordofóbico, a muller para ser música ten que cumprir uns cánones estéticos.

- Esa e outras cousas as denuncia coa súa música. Molesta que sempre se asocie a Sés coa reivindicación e non con outros temas das súas cancións, como o amor?

-Non, entendo que sexa así. Se ti te atreves a falar, chamas a atención. E se chamas a atención, a xente quédase con iso. O 70% das miñas cancións son de amor, si, pero a día de hoxe, que todo o mundo cala a boca por covardía... Por que me coñecen por iso? Porque é certo, denuncio. É o único que fago? Non, pero si das poucas que o fai.

- Continuará esa liña no próximo disco, supoño. Como será?

-O seguinte disco vaise chamar Readmirando a condición. Son os once temas do primeiro disco máis un tema novo. Ten unhas colaboracións magníficas e un orgullo brutal de xénero e identidade tanto de muller como de galega. Soará diferente, como eu quero, porque ese álbum non o producira eu.

- Había que quitarse a espiña.

-Si, sobre todo porque nese disco víame achicada vocalmente. Vas ver a diferenza de actitude, de empoderamento. O máis complicado para calquera muller musicalmente é asumir o liderado.

- Custoulle asumilo a vostede?

-Moito. E chorei moito, porque cheguei a un gremio no que ser muller é ser unha gacela nun mundo de hienas. Hai moito ego, e eu non o tiña. Fun unha adolescente con sobrepeso, e cando es unha persoa esteticamente marxinal, non desenvolves unha autoestima suficiente como para asumir un liderado. A miña chegada ao mundo da música foi moi dura, pero non cambiaría nada do que me pasou. Sentinme unha merda e fixéronme sentir unha merda, si, pero agora... Agora no caga por enriba de min nin Dios.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook