"Orgullosa" da súa cultura. Orgullosa de "ser cantareira". De ser "coruñesa". Porque "hai coruñesas e coruñentas". Sés regalou a súa música aloitadora, onte á noite, á praza de María Pita, onde se sumaron para escoitala miles de veciños, oito mil segundo as cifras do Concello.

"O temerario non é cantar, o triste é non vivir. O heroísmo non é secundar, é resistir", comezou a cantautora na súa Torre de Almansí. Sés volveu reivindicar que non quere ser "fada nin princesa a quen mirar", unha mensaxe feminista da que, como sempre, tamén falou sen entoar.

Batallou con cancións a artista coruñesa pero tamén bailou, acompañada por Xosé Luís Vázquez e un grupo de pandereteiras. "Non podía perder a oportunidade de representar, nunha festa grande, que é onde máis pasta se gasta, o que é unha festa galega", explicou.