Radio Océano reúnese para dar un concerto "a cara descuberta" logo de moitos anos fóra do circuito musical. A banda formouse na Coruña no ano 1981 e deixou de tocar en 1987, así que moitos dos seus seguidores nunca tiveron a oportunidade de vela en directo nin de corear co cantante, Xosé Manuel Pereiro, retrousos como o de Terra Chá. A cita será esta noite, ás 21.30 horas, na praza das Bárbaras.

- Volve Radio Océano aos escenarios, como será o concerto?

-Esperamos que breve e intenso. Tocaremos unha ducia de cancións, algunhas son as de sempre e outras podemos definilas como novas porque as demos desconxelado do estado embrionario no que se atopaban. Nós sempre o damos todo nos concertos, que é do que se trata.

- Para moita xente, sobre todo por idade, será a primeira vez que poidan ver a Radio Océano en directo, logo de ter escoitado falar moito sobre o grupo.

-É unha destas cousas estrañas que pasa na música. Eu creo que xa levamos un tempo no subconsciente da xente, haberá xente que simplemente non nos coñeza e que pense que o de mañá [por hoxe] é unha resurrección, algo que non é certo, pero si que é a oportunidade de ver a un grupo que xa tocaba cando moita xente aínda non nacera. Houbo outras oportunidades de vernos tocar, pero si que é a primeira vez en décadas, que tocamos estando anunciados. Tocamos na sala Nasa hai varios anos e hai uns meses, en maio, tocamos en Cans e o ano pasado, na Nave, pero eran concertos case clandestinos, nos que case ninguén sabía que iamos tocar.

- Hai nervios ou logo de tantos anos xa non teñen esa sensación sobre o escenario?

-Nós temos a vantaxe de que non temos ningunha carreira que consagrar nin nada que gañar. Temos o reto de facermos un concerto potente e de pasalo ben, se empezamos outra vez a tocar e a ensaiar foi, precisamente, porque botabamos de menos esa intensidade, pero con nós mesmos, non temos ningún obxectivo nin nada que demostrar e iso danos tranquilidade. Nós non estamos aquí para competir.

- Radio Océano tocou no primeiro Noroeste e volve agora ao seu cartel cando o festival cumpre 31 anos.

-Tocamos no primeiro Noroeste e esperamos que este non sexa o último, que non sexa un alfa e omega. A primeira vez que tocamos xuntos foi nun concurso de bandas de rock, no 1982, saímos con oito horas de ensaio, desta vez levaremos algunha máis, pero tampouco moitas máis. O primeiro Noroeste [1986] non era coma este, que ten ducias e ducias de grupos e en sitios moi distintos. Daquela tocara tamén Siniestro, que creo que é a única banda que queda con vida.

-A Radio Océano tócalle na praza das Bárbaras.

-Si, o sitio escollémolo porque non queriamos que fose moi grande. Quizais sexa falta de ambición, pero non buscabamos crear grandes expectativas, porque despois, o principal é que hai que cumplilas e non estar a gusto no escenario, que é o que nós queremos. Nós tocamos no chan no Barrio das Flores pero tamén ante miles de persoas, así que, as Bárbaras está ben porque ten un formato de garito de rock and roll, pero ao aire libre. Ten un ambiente respirable e descansado.

- Para alguén que nunca escoitara a Radio Océano, pódeselle dicir que son como os Novedades Carminha da súa época?

-Si, eu síntome cómodo nesa definición. Somos gamberros musicalmente pero, máis ou menos, elaborados. A diferencia é que, a maior parte das veces que tocamos, facémolo sobrios e iso é unha vantaxe. Non deixa de ser un eloxio que nos comparen con eles.