Migración, ciencia, literatura e lingua. Eses serán os pilares sobre os que se asente o que resta de ano o programa da Asociación Cultural Alexandre Bóveda, que inicia esta tarde a súa tempada cunha homenaxe ao político que lle da nome. O acto, que comezará ás 20.00 horas, terá lugar fronte ao monumento erixido na súa memoria na zona dos Catro Camiños, e suporá o pistoletazo de saída a unha axenda que, ao longo do outono, encherá o local da rúa Olmos de presentacións, palestras e cursos dedicados á lingua galega.

A primeira delas, a xornada dedicada a Bóveda, será a que abra o calendario. Os membros da entidade lembrarán ao político con ofrendas florais e os discurso da súa presidenta, María Xosé Bravo, que reivindicará o ideario político do ourensán e a súa loita. O estudoso do Pazo de Meirás, Carlos Babío, tamén estará presente para falar da historia do edificio no acto, que se pospuxo a setembro logo da súa suspensión en agosto polos atentados en Cataluña, e que estará seguido pola presentación o venres do libro de Xurxo Souto, Contos da Coruña.

Outra obra, d'Os nomes do terror de Sermos Galiza, tamén terá un oco no programa da agrupación. O texto lanzarase o día 13 como parte dun caixón literario máis grande, onde se encadrarán presentacións como a peza de Beatriz Maceda Cando John Lennon coñeceu a Valle-Inclán ou o encontro coa autora portuguesa Fausta Cardoso Pereira. Da súa letra escrita, a asociación pasará á falada os días 18, 19 e 21 co curso intensivo de galego Mellorando a lingua, que impartirán mestres da Universidade da Coruña co obxectivo de "aproximarse a un galego de calidade".

"Temos perdido moitas palabras, estamos a castelanizar moitos termos", explica Bravo, sinalando o traballo de Cántigas da Terra como outro xeito de conservar a cultura galega. Da súa labor en prol da "recuperación e dignificación da música tradicional" de Galicia falará o presidente da entidade o 28 nunha conferencia arranxada con motivo do centésimo aniversario do colectivo, un acto que estará precedido, dúas semanas antes, pola xornada dedicada ao centenario do nacemento de Pedro Galán. "Faremos unha lectura e expoñeremos a súa biblioteca, que é bastante curiosa en canto a títulos", conta sobre o acontecemento a directora da Asociación Alexandre Bóveda.

O programa para os meses de outubro e novembro, recoñece Bravo, aínda está pouco definido. Sabe porén que abrirá cun ciclo sobre a revolución rusa, Repensar a revolución, no que "coa desculpa dos seus 100 anos" falarase en seis charlas das "respostas ao capitalismo de hoxe". Ao longo de novembro, as palestras continuarán coas conferencias sobre os problemas actuais da ciencia en Ciencia en Galego, e chegarán ata decembro con actividades sobre o Día Internacional do Migrante e co discurso da investigadora e presidenta da Agrupación Cultural O Galo, María Antonia Pérez, que pechará o ano cun coloquio sobre Maruxa Mallo.