Noticias | Agenda

ENTREVISTA | Jorge Mira

"Cando comecei, contábanse cos dedos dunha man os divulgadores; agora hai centos"

O físico e divulgador galego Jorge Mira, recoñecido co premio Prisma Especial do Xurado da Casa das Ciencias
24-09-2017 23:02
0 votos
O físico Jorge Mira, cun dos seus libros o ano pasado. xoan álvarez

O físico Jorge Mira, cun dos seus libros o ano pasado. xoan álvarez

Facer que a túa nai entenda asuntos como a física de materiais non é algo sinxelo. Sábeo ben Jorge Mira, o catedrático de electromagnetismo da Universidade de Santiago de Compostela, que desde finais dos 90 combina os seus proxectos de investigación cun gran traballo de divulgación nos medios. Os seus esforzos, cos que trata de levar a ciencia á rúa, teñen sido premiados pola Casa das Ciencias, que lle concedeu o Prisma Especial do Xurado.

- Ten máis mérito gañar o Premio Prisma agora, cando a divulgación científica é moito maior que cando vostede comezou?

-Levalo agora, cando o palmarés engordou con persoas tan prestixiosas, é un grandísimo honor. O premio é polo conxunto da miña carreira, que dura xa vinte anos. Aínda que non son demasiado vello, supoño que debo de ser dos máis vellos da divulgación, polo menos en Galicia. Lembro que cando comecei os divulgadores contábanse cos dedos dunha man, pero agora hai centos.

- Como ve eses vinte anos?

-É unha carreira que comecei un pouco de broma, cun artigo sobre as temperaturas do ceo e mais do inferno. Tivo moito impacto, e empecei a diversificarme bastante. No momento non te das de conta, pero coa distancia vexo que toquei todos os paos posibles.

- Cal é a clave para achegar a ciencia ao cidadán de a pé?

-A clave é ter en conta a quen te dirixes, pensar en xente como a miña nai ou a miña veciña. Hai quen fai obras que so comprenden as persoas que teñen unha titulación universitaria de ciencias. Paréceme moi lícito, pero un dos meus selos de identidade é que calquera entenda o que lle estou dicindo.

- Este ano publicou a Teoría da relatividade de Einstein en galego, falta divulgación na nosa lingua?

-En galego fai falta divulgación porque, como acontece en tantos ámbitos do coñecemento, aínda está en progresión. A obra de Einstein é fundamental para comprender a ciencia, pero non estaba en galego. Iso había que remedialo.

- Está centrado nesa parte literaria agora, logo?

-Bueno, estou en moitas partes [ri]. Estou empezando na TVG o programa Como un allo, e comecei hai pouco a miña sesión na Radio Galega. Pero é certo que este ano é o dos libros, porque levo dous e vou publicar dous mais: un sobre os principais astrofotógrafos galegos, e a tradución da Breve historia do tempo de Stephen Hawking.

- Semella que vai converter o de traducir nunha tradición.

-É que a de Hawking tiña que estar, aínda que estame custando bastante traballo, pero confío telo para final de ano. Son nichos onde hai certas carencias que intento cubrir.

- Cales quere cubrir dentro do electromagnetismo?

-Agora no meu grupo estou con catro liñas de investigación distintas. Unha é sobre física de materiais, outra é sobre imaxe médica, outra sobre nanotecnoloxía para descontaminantes, e outra é sobre análises matemático de sistemas sociais, en concreto, equilibrios lingüísticos.

- Traballa sobre o medio ambiente?

-Sobre a auga, que coa modernidade está a ter elementos difíciles de extirpar. O proxecto consiste nunhas nanopartículas magnéticas que, cando as tiras á auga, degradan os contaminantes. Logo aplicas un imán a esa auga e recuperas as partículas, creando un proceso cíclico que depura a auga.

- Dixo unha vez que se un físico non fixera antes dos 50 o seu gran logro, xa era raro que o fixera. Con 48 anos, xa acadou o seu?

-Teño unhas cantas achegas das que me sinto moi orgulloso. Este ano tiven resultados moi bos, pero creo que as mellores ideas que tiven foron en torno aos 35. Como o do tema das linguas, por exemplo.

- Trataba de predicir o xeito no que unha sociedade bilingüe vai escollendo o seu idioma. Todo é predicible coa ciencia?

-Practicamente todo é predicible coa ciencia, porque todo o que existe é materia, enerxía e tempo, que ten as súas propias leis. Claro que hai unha parte que é a mecánica cuántica, que te di que a capacidade que tes de acoutar todas as variables para estudalas ten un límite natural pero, en xeral, poden predicirse bastantes cousas.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Musical en A Coruña

Responde a las preguntas y podrás ser el afortunado que acuda acompañado a ver el musical 'Priscilla, Reina del Desierto' en el Palacio de la Ópera
¡No te lo pierdas!

Encuentra los eventos de