Noticias | Agenda

Música de raíz

Grandes mestres do folk

O grupo escocés Capercaillie actuará hoxe no teatro Rosalía de Castro, onde conmemorará as súas tres exitosas décadas enriba dos escenarios
11-10-2017 16:24
0 votos
Foto promocional do grupo escocés Capercaillie.

Foto promocional do grupo escocés Capercaillie.

Hai trinta anos vinos por primeira vez nun escenario no festival de Lorient e as boas maneiras xa se lles vían con total claridade. Daquela presentaban o seu segundo disco. Foi co posterior lanzamento de Sidewaulk cando comprendemos que estabamos diante dunha formación que podía marcar unha época. Ese álbum deu un salto adiante na concepción do que era a música folk, adentrándose con envexable soltura nuns territorios que actualizaban a sonoridade dese estilo musical. Realizaban uns arranxos primorosos e sabían onde querían chegar. Nesa obra escoitabamos pezas instrumentais moi poderosas e despois viñan as fermosas cancións, onde Karen Matheson puña o engado da súa voz. Sempre apostaron por facer en parte do seu repertorio pezas tradicionais en idioma gaélico ás que dotaron de modernidade e que emocionaban na súa escoita, aínda sen entender nin papa do que dicían. Ese foi o disco no que asentaron unha sonoridade propia que fai recoñecible á banda en canto comeza a soar un tema. Esa marca da casa sonora é un elemento fundamental para todos os grupos que fixeron historia.

A banda naceu na localidade costeira de Oban e co tempo foise vendo que o seu cerebro era o acordeonista Donald Shaw, quen considera Sidewaulk como un traballo "importante para nós. Cando es novo e fas discos non pensas no posible camiño futuro e que podes chegar a facer máis traballos, xa que non sabes exactamente se vas poder seguir coa banda. En Sidewaulk experimentamos coa música e estamos moi orgullosos desa obra".

Os urogalos (tradución do nome da formación) achegaron propostas que zumegaban orixinalidade e abriron novos vieiros moi necesarios para que a música folk dese pasos cara a unha relectura das pezas tradicionais. Tamén souberon achegar algunha composición propia na súa andaina discográfica. Nunca esqueceron os temas en gaélico, mais tampouco desbotaron cantar en inglés.

Tiveron un período no que esas pezas do repertorio que eles catalogaban directamente como pop desmerecían do conxunto da obra, dicían que había seareiros que non lles perdoaban facer ese tipo de cancións, mais nos últimos tempos ese tipo de composicións están moito máis afinadas artisticamente e algunha delas podería incluírse sen problema entre os grandes temas creados pola banda. Shaw coincide en que eses tipo de pezas foron mellorando. "En moitos sentidos somos máis maduros. Cando fas traballos moi a miúdo, como consecuencia de ter éxito, iso provoca que a compañía de discos pida material novo cada certo tempo e non tiñamos a posibilidade de pararnos máis a afinar certas cousas. Agora temos máis tempo para madurar un álbum e considero que iso nos levou a facer mellor música cando falamos dese tipo de composicións".

O segundo álbum maxestoso na traxectoria dos escoceses chegou en 2003 co lanzamento de Choice Language, unha obra extraordinaria que amosou toda a brillantez que atesoura a banda e foi unha mostra de que, tras máis de dúas décadas de carreira, as ideas non estaban esgotadas e xurdían creacións marabillosas que continuaban a mantelos como un grupo punteiro que seguían na vangarda sonora do folk ao seguir soando cun concepto moderno, algo que sempre acompañou a súa andaina, nas pezas integradas nesa obra.

Tal como indica Shaw, "na traxectoria de Capercaillie creo que soubemos mesturar tradición e contemporaneidade. Supoño que trouxemos ideas frescas a sons tradicionais e ás pezas gaélicas. Considero que fixemos unha música progresiva adaptada aos tempos que nos tocaron vivir. No que atinxe aos arranxos, sempre fomos coidadosos con eles. O noso formulamento era realizar pezas con sons que puidesen tamén interesar a alguén que nunca escoitara música folk. Pretendiamos ir máis alá e que fose unha proposta máis doada de escoitar para esa xente".

Despois de Choice Language, e coincidindo con outro tipo de proxectos musicais dos seus compoñentes, por exemplo Karen Matheson editou hai non moito como solista o notable Urram, os Capercaillie tomáronse a vida discográfica con máis calma e sacan nova obra cada lustro. Roses and tears chegou en 2008 e At the heart of it all saíu no ano 2013. Os dous son discos que volven amosar a unha banda que ten cousas que dicir. Non semellan estar cansos do proxecto e, se cumpren o actual ciclo discográfico, no vindeiro ano estaremos agardando co maior interese o lanzamento do seu novo traballo. Aínda que nos carteis do concerto falan da celebración do seu trinta aniversario, a verdade é que xa levan uns cantos máis nos escenarios, posto que Cascade, a súa ópera prima, foi editada en 1984. Dos membros fundadores fican Shaw e Matheson. O violinista Charlie McKerron incorporouse ao conxunto en 1986 e o bouzoukista Manus Lunny tres anos máis tarde. Completan a formación actual o frautista Michael McGoldrick, que ás veces ten substituto no palco por coincidir a data de concerto con recitais seus, o baterista Che Beresford, o baixista Ewen Vernal e o percusionista David Robertson.

Este verán estiveron actuando en Carballo e sempre é un pracer poder velos nun escenario, posto que nos concertos saben transmitir toda esa bagaxe que levan ás costas. Son unha banda que marcaron unha época na catalogada como música celta e manteñen ben alto ese gran mestría que os converteu nunha formación que deben entrar con letras de ouro nas antoloxías musicais.

Un detalle máis para rematar esta aproximación ao grupo escocés. Imos referirnos á importancia do técnico de son para que un concerto se desenvolva perfectamente e ninguén note nada que renxa na sonoridade dos que actúan. Capercaillie conta con profesionais que saben tirarlle partido aos instrumentos que están enriba do escenario. Todos ocupan o seu espazo na construción sonora e malia ser un grupo que conta cun batería e un percusionista, eses instrumentos non comen o espazo aos demais cando se mesturan, algo que acontece en demasiadas ocasións con outras formacións. En canto ao son logrado, o último concerto que deron no festival de Ortigueira foi un exemplo perfecto para poder explicarlle a calquera persoa como debe soar un conxunto de folk. O maxisterio non fica só enriba do palco, senón que tamén está no encargado dos mandos técnicos.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook