O folclore galego agradecerá a Pepe Temprano todas as súas aportacións á música de raíz cunha homenaxe no Teatro Colón hoxe a partir das 20.00 horas. Organizado pola Asociación de Gaiteiros Galegos, e coa colaboración de multitude de entidades, o músico terá de volta todo o cariño que durante décadas inverteu na música cun acto dirixido ao recoñecemento da súa traxectoria, na que fixo soar a súa gaita por todas as agrupacións da Coruña e de parte de Galicia. Os seus dous últimos grupos, a Asociación Folklórica Cultural Orballo e o Coro Eidos, e algúns dos seus antigos alumnos reuniranse no recinto para interpretar as súas pezas, nunha xornada presentada por Xurxo Souto que pechará a Real Academia Galega de Belas Artes coa entrega ao músico da Medalla de Prata Marcial del Adalid.

Un vídeo con fotografías de distintos intres da súa carreira servirá de apertura á xornada, percorrendo con imaxes aportadas por compañeiros e familia desde os seus primeiros pasos coa gaita na mocidade ata os tempos máis recentes. Orballo e Eidos, dous grupos cos que o músico mantén un estreito vínculo, seguirán a homenaxe cun concerto de música tradicional, ao que lle gustarían ter podido unirse o resto das agrupacións coas que Temprano tocou ao longo da súa vida. "Todos os grupos da Coruña querían participar, pero non podíamos alongar o acto tanto", explica a secretaria da Asociación de Gaiteiros Galegos, Erea Estévez, antiga discípula do artista.

Como ela, varios exalumnos do gaiteiro subirán a escena tras os primeiros concertos para interpretar unha obra composta por Temprano, A souta roubada, e abrir paso a unha entrega de agasallos. O máis importante de todos, a Medalla de Prata Marcial del Adalid, entregaralla antes de que soe o himno galego a Real Academia Galega de Belas Artes, que galardoará ao músico polos seu destacado papel no folclore e na cidade. "É un referente, sobre todo aquí na Coruña. Todo o mundo coñece a Pepe Temprano", asegura Estévez, recordando os inicios do músico na escena tradicional. O gaiteiro, que se definía en Luar como "Míster Monelos", comezou a súa aprendizaxe autodidacta á idade de 16 anos, motivado pola música que oía tocar no seu entorno familiar. "O seu pai era gaiteiro e tamborileiro, e o seu avó acordeonista; levábao no sangue", lembra a secretaria, narrando como pasou do "primeiro cuarteto importante da cidade fundado polo seu pai", os Tempranos de Eirís, a tocar en formacións galegas como Aturuxo e puntos do estranxeiro como París, Bélxica e Nova Iorque.

Transmitirlle o "cariño e o aprecio" que se gañou en todas esas agrupacións é o que a Asociación de Gaiteiros Galegos agarda conseguir coa súa homenaxe, que Estévez vía desde fai tempo como unha necesidade pola magnitude da pegada de Temprano. "Levo anos dicindo que tiñamos que facerlle unha homenaxe, e esta vez o conseguín", di a secretaria da entidade, que define ao seu antigo mestre como "un encanto de home". A súa participación en varios anuncios publicitarios e a súa paixón por recompilar obxectos antigos son outras das facetas que Estévez destaca do gaiteiro que, asegura, posúe unha ampla colección de antigüidades. "É impresionante, a súa casa semella un museo. Ía aos mercadillos e apañaba reloxos, gaitas, discos antigos...", conta.

Con tantos aspectos que festexar, as entradas voan rápido. Onte esgotáronse todas para o aforo de preto de 800 persoas que permite o teatro Colón, e que encherán amigos e colegas de profesión chegados de distintas partes de Galicia, así como moitos dos seus familiares, incluídos eses netos aos que non conseguiu contaxiar o amor pola gaita. Todos, sen excepción, queren estar presentes na homenaxe, na que Temprano recibirá, en forma de cariño, tanto do que antes aportou.