A loita que Eduardo Pondal mantivo durante preto de 50 anos con Os Eoas, o poemario que nunca chegaría a publicar, protagoniza a peza teatral que Cándido Pazó levará esta tarde ao Teatro Colón. Os fillos do sol, conducida e escrita polo director vigués por encargo do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, presentará a partir das 20.30 horas a figura do Pondal de 1914. A obra retrata, con motivo do centenario do seu falecemento, a obsesión creativa na que o autor do himno galego se sumiu no último período da súa vida.

As inseguridades e os medos do bardo bergantiñán as plasmará sobre as táboas César Cambeiro. O actor coruñés meterase na pel do escritor nun papel que compartirá con Adrián Ríos, encargado de artellar a versión xuvenil de Pondal. "O Eduardo que comezou a escribir Os Eoas con vinte e pico anos fala co Eduardo que non o da terminado pouco antes de morrer, xa con 80", explica Pazó, que introduciu tamén a figura da criada dunha pensión, en mans de Alba Bermúdez, para engadir "emoción e diversión" á reflexión biográfica.

Por medio deles, o director teatral da vida a un período "apaixonante" da historia de Pondal, que fascinou a Pazó polas posibilidades que ofrecía. "Interesoume porque me permitía falar da obsesión creativa. Cando un persegue a perfección, métese nunha rúa sen saída, porque nunca se pode chegar a ela", comenta o autor da peza. Precisamente esa autocrítica é un dos factores que barallan os estudosos para tratar de explicar o medio século que o escritor pasou traballando nunha obra que non vería a luz ata a súa recuperación no 2005. "Hai quen di que se asustou. O poemario espertou moitas expectativas, e pode ser que sentira un peso moi grande", conta Pazó, que sinala tamén o estilo escollido para Os Eoas como motivo da neurose do artista. "Colocouse na pretensión de imitar aos poetas do século XVI. Creo que, nun momento dado, pesoulle saber que o xeito no que acometía aquilo xa non era actual", engade.

O que si está claro é que as editorias e o público non eran o problema. O poemario tiña en vilo, segundo Pazó, a intelectuais como Rosalía de Castro e Manuel Murguía, e tamén ao mesmo Ministerio de Cultura, que estaba disposto a sufragar a peza coa que Pondal agardaba impulsar a consideración da lingua galega. "É un poema épico sobre o descubrimento de América. El cría que, facendo que o galego se ocupase de algo tan prestixioso, o idioma tamén gañaría en prestixio", di o director de escena, que quixo "mirar ao ser humano" agochado detrás da historia para ver a pegada que a presión da sociedade deixou "nas súas emocións".

Como creador, Pazó comparte varias das dúbidas que asaltaron a Pondal fronte á súa obra. Conta que para reflectir as do autor valeuse das súas propias inseguridades, que se puxeron recentemente de manifesto mentres preparaba o relanzamento do seu éxito dos 90, Comedia, que xa xera expectativas polo seu regreso á escena con motivo do seu cuarto de século de vida "Cando me enfrontei ao dossier, xeroume zozobra. Pensei 'por que me metería eu nisto?", ri.

O relanzamento da peza terá lugar o próximo ano. Hoxe as verbas de Pazó tamén soarán no Centro Ágora, onde se representará para escolares O tolleito de Inishmaan.