A escritora de literatura infantil Eva Mejuto intérnase no xénero xuvenil con 22 segundos, a historia dunha nena, Ánxela, que se sinte en realidade un neno. Coa novela, escrita coa esperanza de axudar á visibilizar o colectivo, a autora adéntrase no mundo da transexualidade, da que falou onte no local da Agrupación Alexandre Bóveda baixo o título (Trans) formando o mundo.

- A súa primeira incursión na literatura xuvenil, e cun tema complexo, a transexualidade.

-Si. O tema partiu dun documental que vin na televisión, El sexo sentido. Eu traballei vinculada á literatura infantil e xuvenil, e decateime de que este tema non estaba tratado, coa importancia que ten para os rapaces desas idades ter referentes. Na responsabilidade de abordar unha temática tan importante e invisibilizada, sentinme na obriga de traballar moito os aspectos reais para recoller a sensibilidade dun público que foi sempre moi maltratado. Tiven o apoio de rapaces trans, que me foron guiando con entrevistas nas que me contaron a súa vida e experiencias.

- Con que se atopou nesas vivencias que estivo a recoller?

-O que máis me chamou a atención foi esa cerrazón da sociedade, o non querer ver. O que non se fala parece que non existe, e o obxectivo era falar un pouco de como a sociedade, con segundo que temáticas, mira cara a outro lado. Cando falamos da transexualidade parece que se fala sempre da prostitución, á noite? Está moi vinculado a un mundo moi outsider. Por iso este libro centreino moito en amosar a experiencia persoal dun mozo transexual que o vive nas súas carnes.

- A transexualidade segue a non existir?

-Hai colectivos que están a facer moitísimo traballo de visibilización, pero falta aínda moitísimo que facer, sobre todo no público adolescente, que é unha idade moi difícil. O distinto asusta. Poñerse na pel do outro e entender que a sexualidade é moi ampla e diversa, resulta moi complicado. Aínda fai falta moita visibilización e normalización en todos os aspectos. Eu apostei pola normalización na literatura.

- Na súa obra fala da aceptación da sociedade, pero tamén dun mesmo.

-Si. De feito, hai algunha xente que me di que no libro hai pouco conflito, porque o protagonista é bastante ben aceptado pola súa familia. Hai moitas capas: aceptarse a un mesmo, despois no ámbito familiar e despois no social. Eu quíxenme centrar no conflito interno. Este libro sería como unha primeira parte dunha historia que fala da aceptación dunha persoa consigo mesma. Faltaría a parte sobre como o recibe a sociedade.

- Pensa abordar esa segunda parte?

-Si que me gustaría, pero primeiro quería ver a receptividade do público. Querería seguir traballando o tema, pero non sei se abordalo ou deixalo para a imaxinación dos lectores, porque eu o que desexaba era deixar esa píldora de curiosidade. A partir de aí, espero que a transexualidade se normalice en todos os ámbitos.

- En que ámbito bota máis de menos esa normalización?

-A miña experiencia neste caso é traballar nos institutos. Notei nalgúns casos unha certa reticencia por parte do profesorado á hora de tratar o tema. Probablemente por medo á resposta dos pais e nais, pero ás veces dáme a sensación de que a transexualidade é un tema que lles resulta un tanto incómodo de tratar, tamén porque os propios docentes non teñen esa formación. Vale que exista desinformación por parte dos mediadores e dos pais, pero hai colectivos que están brindando unha información boísima e tamén hai que facer un esforzo. Faltaría que o profesorado reciba esta sensibilización de cara a ter claro cales son os protocolos de actuación e como tratar o tema para a mocidade.

- Fálame da reticencia das persoas adultas. Curiosamente, na súa obra, unha figura moi importante na aceptación do protagonista é unha, o seu avó.

-Esa personaxe foi feito á propósito, porque ás veces temos o prexuízo de que os maiores van ser moi reaccionarios e conservadores, pero sorpréndenos. Ao mellor, falando de quitarnos prexuízos, tamén é o momento de quitarnos o de que a xente maior non é quen de entender estas realidades.