Noticias | Agenda

No naufraxio das persoas que perdemos

A memoria dos que se foron protagoniza a última peza de Il Maquinaria Teatro, 'Resaca', coa que a compañía estará esta tarde no Rosalía
05-12-2017 23:46
0 votos
O elenco de Il Maquinaria Teatro representa a súa peza 'Resaca'. carlos pardellas

O elenco de Il Maquinaria Teatro representa a súa peza 'Resaca'. carlos pardellas

O teatro nunca falara tanto da vida como en Resaca, a primeira peza de creación propia da compañía Il Maquinario Teatro, coa que o grupo repetirá esta tarde no escenario do Rosalía. A partir das 20.30 horas, e baixo a dirección de Tito Asorey, a formación artística subirá ás táboas unha obra multidisciplinar, coa que se reconstruirá, a través da poesía, a narración e a danza, a propia historia familiar e xeracional dos actores que participan nela.

O xeito no que se xestou a obra e as lembranzas dos intérpretes serán algún dos fragmentos da realidade que se volverán teatro. O farán por medio dunha amiga común dos actores, Álex, cuxo pasado os artistas perseguen recompoñer tras o seu inesperado falecemento. "É unha peza que, en lugar de estar sustentada na ficción, o está na realidade. Os actores non interpretan nada máis que a si mesmos", explica o seu director, que define o espectáculo como "unha homenaxe á xente que xa non está con nos".

Os recordos e obxectos que os intérpretes conservan dela "como restos de naufraxios" son os cimentos sobre os que se constrúe a peza. Os actores falan da súa "vida" e do seu "territorio", articulando un discurso no que "Álex é alguén para cada persoa do público". "O obxectivo é que cada un reflexione sobre como contaría a historia desa persoa, para que non desapareza nun momento no que a memoria é cortoplacista, porque sempre están a acontecer cousas", comenta Asorey que, ademais do ritmo vertixinoso da sociedade, quixo plasmar "o retrato dunha xeración".

As persoas "de entre 25 e 40 anos", que "viviron a crise nun momento no que empezaban a ter a posibilidade de facer cousas", serán as que atopen o seu reflexo nas táboas. Con el virá asociado a crítica política, "moi presente" na historia, e que se alimentará da contraposición cunha "xeración anterior que tivo que facerlle fronte a unha sociedade ditatorial", así como do propio discurso político. "Trátase de ver canto permanece. Pasa o tempo, pero seguimos no mesmo lado da mesa fronte o poder", di o director, que asegura que na peza "simplemente" deixaron falar aos políticos, porque iso "xa é suficiente para que cada quen faga a súa reflexión".

A da compañía, que deu forma á obra coa participación de todos os seus intérpretes, chega ata as profundidades do proceso creativo. Xunto á evocación das propias familias dos actores, a peza deixa ao descuberto a súa montaxe, de xeito que "o espectador vexa as entrañas da compañía teatral". "Comezamos a obra querendo falar das resacas do amor na sociedade contemporánea. No proceso, apareceron como eran as relacións amorosas dos nosos pais e avós con respecto ás nosas, e decidimos falar dun amor máis amplo, cara alguén que se foi", explica Asorey, que vincula o título da obra á "sensación de inacción", como "naquel final de festa", nas nosas vidas.

O resultado desa construción de Resaca, coa que Il Maquinaria Teatro botou preto dun ano, é "unha peza emocionante, cunha gran posta en escena". Por medio da poesía, a narración oral, a danza, o vídeo e a música en directo, conducida polo bielorruso Vadim Yukhnevich, a compañía conforma unha historia que asemella, segundo o seu director, "un estado mental cheo de flashes". "É coma meterse na cabeza de alguén que está pensando agora nunha cousa e logo noutra. Funciona como a memoria", conclúe o seu responsable.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Musical en A Coruña

Responde a las preguntas y podrás ser el afortunado que acuda acompañado a ver el musical 'Priscilla, Reina del Desierto' en el Palacio de la Ópera
¡No te lo pierdas!

Encuentra los eventos de