As sesións matinais do Teatro Colón cederán mañá a súa escena a O camiño dos paxaros, a nova representación de Magín Blanco inspirada no seu último libro-disco, Camiños. Na peza, dirixida por Santiago Cortegoso e destinada a nenos desde 6 anos, o artista reflexionará sobre o percorrido da vida e a superación persoal, nun espectáculo musical que comezará a partir das 12.00 horas.

O propio Blanco, na pel dun neno, será o protagonista. Coa axuda da actriz Marián Bañobre, que dará vida a distintas personaxes, o músico artellará sobre as táboas a relación dunha crianza coa súa nai, cuxa desaparición levaralle a buscar o seu propio camiño mentres trata de encher o baleiro da súa perda. "Falamos de que o camiño da vida non é tan complicado, e de que só hai que guiarse polo que te di o teu interior", explica o artista, que construíu o novo espectáculo cun enfoque distinto a todos os que lle precederon. A diferencia doutros, como os inspirados por A nena e o grilo ou a obra de Manuel María, nesta peza Blanco quixo que "o texto" tivese "máis peso que a música", a que tamén deu un lavado de cara influído por éxitos como o de La la land. "Funme achegando ao mundo do musical de Broadway e, por outro lado, á música electrónica. Segue soando a pop, pero con referencias a George Harrison e a The Pretenders", conta o compositor que, desta vez, limitarase a cantar en lugar de tocar tamén en directo.

A banda sonora que acompañará a súa voz será á de Gallaecia Big Band, a formación orquestral coa que Magín Blanco gravou o seu libro-disco. Xunto a ela, escoitaranse temas do músico como O chapeu do espantallo ou Voa paxariño, ás que tanto el como Bañobre porán coreografía. "Bailamos cancións próximas ao musical cunha performance teatral. Non é unha conexión habitual no ámbito infantil, pero gustábame buscar camiños diferentes", comenta o artista, que coroa o espectáculo cunha escenografía feita a base de caixas coas que constrúe distintos decorados.

A historia á que dan forma é unha das moitas que o compositor recolleu en Camiños, o seu traballo máis recente, que saía este novembro á venda. O músico artellouno a partir dun conxunto de 13 cancións orixinais, que compartiu con varios escritores galegos para que redactaran un texto a partir de cada unha. "Participaron autores como Ledicia Costas, Eva Mejuto, Víctor F. Freixanes...", lembra Blanco, que define o resultado como "unha ferramenta moi útil para os colexios, cun compoñente didáctico pero tamén literario".

A acollida da peza, conta o músico, está a ser moi boa. Tamén o é a da súa representación teatral, que o equipo fixo medrar ao mesmo tempo que o libro-disco, seguindo a idea do que para Blanco ten que ser, desde sempre, un espectáculo infantil. " Cando nos plantexamos un traballo, sabemos que ten que ter un pé no lecer, pero tamén intentamos expor unha serie de sensibilidades que nos parecen interesantes para o desenrolo emocional dos nenos", explica o compositor, que quere entreter sen "ser excesivamente didácticos".

"Facer teatro serio" entra tamén no cóctel de Blanco, que busca evitar, no equilibrio das súas obras, a inclinación de moitas compañías infantís de fixarse só na diversión. "Hai unha tendencia nos traballos para nenos cara ao entretemento puro e duro. Nós queremos transmitir emocións e cuestionarnos cousas", afirma o músico, que o ano que vén repetirá a fórmula coa terceira entrega de A nena e o grilo. "Nesta ocasión reinterpretan os clásicos do teatro. En vez de Romeo e Julieta, por exemplo, fan Oreo e Galleta. A ver se me da tempo", conclúe.