A vida na posguerra nunha vila galega, Ribadeínsua, e dunha pequena que escapa da súa maldade a través do cinema é a protagonista da última novela de Xabier Docampo, A nena do abrigo do astracán. A obra, unha das poucas do autor dirixidas ao público adulto, presentarase este mércores ás 19.30 horas en Lume, como remate á década de traballo que o autor ten botado inmerso nela.

- Quince anos de escritura para rematar esta novela. Vostede di que non se podía facer en menos.

-Eu concretamente non puiden! É certo que no medio escribín outras dúas, pero estiven durante todo ese tempo dándolle voltas a esta historia. A estrutura foi complicada, e necesitei unha documentación amplísima, que me levou moito tempo conseguir. Vin máis de setenta películas que puideran entrar na novela? Todo iso vai alongando.

- Pensou en deixala?

-En abandonala non pensei nunca. Pregúntasmo agora e decátome. Nunca pensei en abandonar esta novela, o que si cheguei a pensar é que ao mellor non era quen de escribila [ri], que é totalmente distinto.

- A obra sitúase nuns anos corenta que vostede tamén viviu, axudouse das súas vivencias para recrear o ambiente?

-Si. Eu nacín no 46, pero recordo todo canto poño alí. Ribadeínsua é unha especie de Macondo que eu creo a base das vilas da miña infancia, e de onde fun sacando as miñas vivencias daquel tempo.

- Nese ambiente vive Susana, a nena do abrigo de astracán. Teño entendido que existiu.

-Si. A min regaláronme un libro de fotos da vila onde nacín. Alí vin unha fotografía, falei co amigo que a puxera no libro, e el contoume a historia desa nena que ía tanto ao cine. Iso foi polo ano 2001. No 2002 púxenme a traballar, e tiven unha entrevista con ela de onde saquei preto de tres horas de gravación.

- Que lle chamou tanto da imaxe como para dar pé a unha novela como esta?

-A fotografía é impresionante. Cando a vin, estaba a miña muller ao meu lado, e o primeiro que lle dixen foi: "A que nunca viches unha nena máis triste ca esta?". Desa tristeza é de onde quixen tirar.

- Ela é a protagonista, pero podería dicirse que o verdadeiro eixo da historia é o mal.

-Claro. Hai un momento no que me decatei de que esta nena está vivindo no medio dun mal que se apoderou de todos os habitantes desta vila despois da guerra. No medio do silencio, a negación, o axuste de contas? E con elementos como a Igrexa, que pretendía conquistar o poder. Ese mal era o que eu quería pór de manifesto, porque penso que a maldade existe, que somos os seres humanos os que nos portamos dun xeito ou doutro e que somos responsables.

- A súa obra é relacionada con outra que escribiu hai uns anos, Cando petan na porta pola noite , pola súa reflexión sobre a culpa. É un tema que lle interesa?

-Si. É unha cuestión que está moito no meu pensamento, a culpa e o remordemento. Con algún dos contos de Cando petan na porta pola noite, ten esa relación de recoñecer o mal e de ver que existe. É un elemento que está en toda a vida que vivín. Sempre recoñecín o mal e o ben e, por tanto, tiven a oportunidade de optar por unha maneira ou outra de actuar. Supoño que todas esas persoas que eu retrato tamén a tiveron, e optaron pola maldade.

- Tamén lle interesa a memoria. Temos esquecido o período da posguerra?

-A proba de que non está esquecido, por máis que de cando en vez se diga, é que non somos quen de enfrontarnos a el, e que tratamos de que permanezan nas cunetas aínda as vítimas do mal que houbo. Iso é un xeito de ter unha actuación absolutamente indigna, é negarlles o recordo e a memoria. Moitas veces se ten falado do esquecemento e o perdón. Ben, todos os perdóns que queiras, pero unha vez que puxeches as cousas na situación de seren esquecidas. Ninguén pode esquecer se toda a vida viviu escoitando aos seus pais ou veciños falar da desaparición de alguén do que nunca se soubo máis. A memoria actúa dentro da culpa, roe e corroe ata que alguén se enfronta ao recordo como o ten que facer, con humildade e recoñecemento da dignidade da vítima.